Arturo Dopazo, propietario de Pirotecnia La Goulla Arturo Dopazo herdou a súa pirotecnia do seu padrastro. Empezou a traballar nas catro casetas que a familia tiña na Goulla con 17 anos, e máis tarde púxose ó frente do negocio. Un negocio con riscos máis que evidentes e no que perdeu a vida unha irmá e un obreiro cando explotaron os fogos que se estaban a facer nunha caseta. Arturo afrontou daquela unha crise que o mantivo apartado de pirotecnia seis meses. Pero volveu, e di que non se arrepinte, aínda que asegura que os perigos que pasan non se pagan con cartos. «Unha orquestra no verán gaña o dobre, e a nós, aínda veñen a sacarnos cinco pesetas». As normas de seguridade son rigurosas. «Todos os días hai que dicirlle a Garda Civil o que entra e o que sae, estamos máis controlados que ETA»
16 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Pirotecnia La Goulla empezou a súa andaina hai sesenta anos, cando o padrastro de Arturo Dopazo levantou dúas castas non terreno que agora ten 18, distribuidas ó longo de 12.000 metros cadrados, e nas que traballan oito empregados. -Eu empecei a traballar no negocio con 17 anos, era o que había entonces, e non me arrepinto. -¿Traballan todo tipo de fogos? -Si, aquí facemos de todo, bombas, petardos, lucería... antes facíase de forma artesanal, agora hai máquinas para facer o arranque, que é o que se lle pon ás canas para que suban. Os estalos van arriba, nunha bolsiña, e hai que preparar ven o arranque para que estalen cando están arriba. -¿Que perigo hai de que fallen e estalen na man? -Iso é difícil que ocurra. O que si pode pasar e que se poña o arranque ó reves e tan pronto se lle prende lume xa explota. -¿Tiveron algún accidente deste tipo? -Houbo un hai 22 anos, morreu unha irmá miña e días despois un empregado, polas queimaduras. Foi facendo lucería, a lucería arde, o houbo unha explosión bastante grande. Estiven a punto de deixalo todo, durante seis meses non quisen saber nada disto. Pero animoume moito todo o mundo e volvín. E non me arrepinto, aínda que sabes que pode volver a pasar calquera día. O perigo que hai neste traballo non ten pago. Unha orquestra, no verán, cobra o dobre, e a nós, as comisións de festas aínda non veñen a sacar cinco pesetas. Hai demasiada competencia. -¿Cales son as medidas de seguridade? -Tremendas. Hainas desde sempre, xa cando empezamos había unhas distancias reglamentarias que había que cumplir, e había vixiancia. É lóxico, nunha actividade deste tipo. Nós temos unha alarma que nos costou moitos cartos, está conectada á Garda Civil e se fallan as liñas funciona por vía satélite. Logo temos un seguro de accidentes cunha cubertura de 50 millóns que nos costa millón e medio ó ano. Só para abrir unha porta hai que pedir permiso a Industria, para facer unha caseta máis hai que facer planos novos... Levamos un libro que pasa por aquí a Garda Civil para saber os quilos que elaboramos, hai que dicir á Garda Civil tódolos días o que entra e o que sae. Estamos máis controlados que ETA». -¿Canto soen gastar as comisións de festas? -Iso depende. Nós temos clientes fieles de toda a vida. Facemos dende hai quince anos as festas de Bouzas, en Vigo, que son sobre medio millón. Logo hai quen gasta 20.000 e quen gasta dos millóns. Depende de se queren castelos, rodas, luminaria on ruído. A nós o que máis nos piden é ruído. Logo, os fogos, os prepara cada quen á súa maneira, e iso mantense en secreto.