O influxo da saudade portuguesa

La Voz

AROUSA

O concepto do saudosismo presente na poesía de Cabanillas axudou a conformar o sentimento nacional galego no ámbito das Irmandades da Fala, segundo explicou o profesor de lingua e literatura galegas Carlos López Bernárdez. O escritor cambadés tomou este concepto do poeta luso Teixeira de Pascoaes, que define a saudade como «o desexo e a dor que se penetran animados por un mesmo sentimento». Pascoaes tivo, segundo o lingüista, unha grande influencia nos intelectuais galegos dos anos 10, cos que mantiña unha estreita relación persoal e a través de cartas. Bernárdez destacou dúas obras do poeta «da raza»: Na noite estrelecida e o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega titulado «A saudade nos poetas gallegos», nas que aparece expresado con claridade o saudosismo, a través de ideas como a esperanza, o misterio ou a lembranza. Non obstante, para o cambadés, «a saudade portuguesa era mesiánica, mentres que a galega estaba relacionada coa terra». Nembargantes, á hora de escribir esquecese esta distinción e mesturase ámbalas concepcións nos seus textos literarios, segundo Bernárdez.