Ó pé da viñeta

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Xaquín Marín protagonizou no instituto da Illa un dos últimos actos das Letras Galegas na comarca A pesar de que a celebración oficial das Letras Galegas xa tivo lugar, a comarca segue volcándose na conmemoración deste evento. Exposicións, conferencias, xogos e premios seguen a ser convocados tanto polos Concellos coma polos centros de estudios. No instituto da Illa os alumnos puideron desfrutar onte dunha xornada moi especial. Os máis pequenos contaron coa presencia do contacontos Ricardo de Barreiro. Mentres, os rapaces de segundo ciclo asistiron a unha conferencia do debuxante Xaquín Marín, quen cedeu ademais temporalmente algunha das súas obras para unha exposición.

18 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA Os alumnos do instituto da Illa tiveron que volver onte ás aulas despois da xornada festiva do pasado xoves, en honra do Día das Letras Galegas. Fixérono, sen embargo, para asistir, durante boa parte da mañá, a dous entretidos eventos cos que o centro se sumou a esta celebración. Os estudiantes de primeiro ciclo puideron gozar durante unhas horas da actuación do contacontos Ricardo de Barreiro. O actor ofreceu unha entretida sesión de historias que fixeron, en máis dunha ocasión, escoitar as gargalladas dos máis pequenos. Vellos relatos algúns, de propia creación de De Barreiro os outros, pero sempre dentro do espírito dos contos galegos máis tradicionais. Os segredos do debuxo Mentres, os alumnos do segundo ciclo disfrutaban, a esa mesma hora, dunha conferencia que impartiu o debuxante Xaquín Marín. O artista falou, dun xeito distendido, da súa obra, dos procedementos do debuxo e das personaxes que el adoita empregar nas súas viñetas. Marín aproveitou tamén para mostrarlles a estes interesados estudiantes exemplos prácticos de cómo se chega a facer unha viñeta. O artista aportou tamén algunha das súas obras para organizar, durante esta xornada, unha exposición das mesmas no propio centro educativo. Trazos dunha paisaxe no tempo foi a mostra que este autor habitual colaborador na prensa levou ata o instituto da Illa e que profesores e alumnos puideron admirar.