O recordatorio dos temas candentes durante este ano centraron as letras das coplas en Vilanova e O Grove A comarca arousana reviviu durante a xornada de onte unha das súas celebracións máis tradicionais. Como dende hai miles de anos, os seus pobladores decidiron conmemorar o final do triste inverno e a chegada da luz e da primavera. Vilagarcía, O Grove e Vilanova aproveitaron o día de onte para rememorar esta tradición de orixe grecorromana. No caso de Vilanova foi a agrupación Amigos da Música a que se encargou, un ano máis, de organizar esta festa que tivo lugar durante a tarde de onte na Praza da Pastoriza, onde se congregou unha grande cantidade de público, pese a que a chuvia tratou de deslucir o evento.
01 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA Para despedir un inverno cargado de chuvia coma poucos, o líquido elemento non quixo faltar tampouco a celebración dos maios vilanoveses. Sen embargo, a auga non foi quen de deslucir a festa e a xente que encheu a Praza da Pastoriza resistiuse a abandonar antes de que concluisen os actos. Un total de nove maios participaron nesta edición da festa que, como dende hai anos, organiza a asociación local Amigos da Música. O concurso de maios comezou ás seis da tarde e estivo amenizado pola música da asociación cultural Axóuxere. Trala visita ás composicións presentadas e a lectura das coplas, o xurado emitiu o seu fallo, que no apartado de maios artísticos concedeu o primeiro premio á Casa de Cultura de San Miguel de Deiro, presentado pola asociación cultural Axóuxere. Con esta composición, a agrupación vilanovesa pretendía evocar o conflicto que a enfronta ó Concello polo uso desas instalacións culturais. A estructura foi premiada con 25.000 pesetas. En segundo lugar, no mesmo apartado de maios artísticos, quedou A Batea, do colexio público Corón-Caleiro, que recibiu 20.000 pesetas, mentres que Os mimelos, da Praza Vella de Vilanova, conseguiron o terceiro premio, dotado con 15.000 pesetas. Mentres, na categoría de maios típicos resultou vencedora a asociación cultural Ansuiña, da rúa de San Mauro. Como segundo clasificado quedou o maio de As Rodas. O terceiro premio, pola súa banda, foi para o Barrio de San Pedro-As Sinas. Por último, no apartado de coplas, os gañadores foron os representantes do colexio público Xulio Camba. En segundo lugar quedou a sección infantil da asociación Axóuxere e, como terceiros quedaron os alumnos do colexio público de András.