Vilagarcía homenaxea ó escritor e antropólogo co gallo do centenario do seu nacemento
30 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA Vilagarcía énchese de recordos para Fermín Bouza Brey. O 31 de marzo de 1901 nacía en Ponteareas unha nova lanza para as letras. A súa profunda relación con Arousa fíxolle un oco na memoria da comarca, que hoxe conmemora o centenario do seu nacemento. Poeta, arqueólogo, etnógrafo, tódalas facetas deste intelectual serán recollidas nun ciclo de charlas, dirixido especialmente ós xovenes. O instituto vilagarcián que leva o seu nome tivo a honra o pasado martes de inaugurar o ciclo de conferencias, que levará ata nove centros da comarca a imaxe do poeta. O seu sobriño e tamén escritor, Gonzalo Bouza Brey, será o encargado de transmitir á xuventude arousana as teimas e logros do poeta ponteareano. O vindeiro luns, chegaralle o turno ós alumnos do Castro Alobre. Polo momento, esta é a única conferencia con data confirmada. As intervencións nos sete centros de ensino restantes serán concretadas nos vindeiros días. Pero a homenaxe a Fermín Bouza Brey non queda aquí. Ó longo de todo o ano continuarán os coloquios ós que xa foron convidados varios historiadores. Entre eles o fillo do ilustre poeta, Fermín Bouza Álvarez, ó que non desmerecerán figuras como Fernando Acuña Castroviejo, Carlos García Martínez ou José González Reboredo. Unha cousa os une, os segredos da vida e a obra do escritor, que en 1992 recibiu a súa merecida homenaxe no Día das Letras Galegas. Ademáis, o vindeiro luns o goberno vilagarciano debatirá a convocatoria do premio de poesía que este ano, como non podería ser doutra forma, virá acuñado co nome de Fermín Bouza Brey.