Comeza un ciclo de conferencias sobre o centenario de Bouza Brey

La Voz

AROUSA

REDACCIÓN VILAGARCÍA Os centros de ensino de Vilagarcía, xunto con outros da bisbarra, comezan hoxe a súa particular conmemoración do centenario do escritor, poeta, arqueólogo e etnógrafo Fermín Bouza Brey. O comité intercentros, composto por distintos institutos, ven de encetar un ciclo de conferencias que se inicia esta mañá, ás dez, no centro que leva o nome do sobranceiro autor: o Bouza Brey. O encargado de impartir a charla, encol do seu vencello con Vilagarcía e a bisbarra do Salnés, será o escritor e sobriño do propio Fermín, Gonzalo Bouza-Brey. Nove centros educativos Xa o día 29, o acto se repetirá no Castro Alobre, antigo Calvo Sotelo, onde tamén terá lugar unha nova conferencia o vindeiro 2 de abril. Nesta iniciativa toman parte un total de nove centros educativos da bisbarra. Sete deles, polo tanto, están aínda pendentes de data. Probablemente, en vindeiras conferencias participará o fillo do insigne autor, Fermín Bouza Álvarez, que ocupa a cátedra de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Fermín Bouza Brey naceu o 31 de marzo de 1901 en Ponteareas. Nembargantes, a súa familia ten amplias raigames en Vilagarcía, onde o seu pai ocupou unha tenencia de alcaldía en varias ocasións.