Manuel Seixas, músico, escritor, editor Non se sabe se o seu pesimismo procede de ser filósofo ensinante ou ser desa minoría de xente que non acaba de ver o futuro do mundo sobre o horizonte das bateas. Manuel Seixas milita no pesimismo con moita enerxía, polo tanto, é desa clase de pesimista que se contradi: ennumera os problemas do mundo e as súas catástrofes, pero corre inmediatamente a buscarlle solución.
17 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Tanto é así que, a pesar da cativez do mundo literario galego, vai e abre unha editorial para os desherdados das masas sen rebelión. Para os donos do futuro. Manuel Seixas chegou á literatura galega de forma sorpresiva: gañou o premio Xerais do ano 96 e cando o portavoz do xurado pronunciou o seu nome a interrogación flotou sobre o inmeso edificio da zona franca de Vigo. Logo, subíu ó estado e confirmáronse as sospeitas. Manuel Seixas era un incendiario das cousas humanas. Tamén é teimudo nestas cousas da resistencia, en proclamar que para tódalas cousas debe haber un equilibrio e non hai nada, en principio, que deba ser tido como mellor. Nótaselle esa presunción de vir da música. Nótase moito máis aquí, pero non é por el, senón polo exceso de intelectualidade que suda a literatura galega. Vén da música e aínda cre, lixeiramente, nos himnos da igualdade aínda que o esconda por baixo dunha intensa capa de filosofía na que, como é lóxico, predomina a razón do sentido común: sobre a razón das cousas, a razón dos humanos. Pasou por Koros i dansas, recordouse agora que Cortegada é obxecto da salvación institucional, pero houbo un tempo no que a illa serviu como centro da mobilización civil, pacífica, posthippie, e por aí comenzou este grupo que ía encher o mundo de rock de batea. Agora asalta outra vez ós raios laser dos compactos co seu primeiro disco en solitario, chámalle Presentimento, pero tamén aquí introduce unha somera contradicción: é un disco cheo de certezas, de mil razóns para as cousas esas co doble fondo. Contra todo eso, lanza ó aire a chuvia das ideas. É un pesimista que cre decididamente que para utopía basta con que todos os individuos nos poñamos de acordo.