Adiós, adiós que me vou

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O pasamento do Entroido provocou ríos de bágoas en Cambados e A Illa Dor, bágoas e consternación. Os veciños de Cambados e A Illa acudiron onte ás honras fúnebres polo Entroido. A festa que enchera de luz, música e cores a comarca morreu onte nestes dous concellos arousáns. Coa defunción da Sardiña cambadesa e do Manuel isleño volveron a normalidade e a rutina ás vidas dos cidadáns. É un bo motivo para o loito e a pena. Nos rezos onte cantados non faltaron as referencias á resurrección que estes dous personaxes protagonizarán o vindeiro ano. Dentro de doce meses, coa eficacia propia da maxia e da tradición, o esconxuro da queimada e do lacón con grelos devolverán á vida ás máscaras e ós disfraces. Ata entón, o ben querido Entroido descansará en paz.

28 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA En Cambados, o Entroido chamábase Sardiña e na Illa, Manuel. Morreron onte. De súpeto e sen previo aviso. Os partes médicos aseguran que non sufriron dor. Os cambadeses achegáronse ata a praia de San Tomé para despedir ó peixe que trouxo a alegría. Despois de dous anos sen honrar a morte deste animal máxico, os veciños retornaron á beira do mar para darlle á festa o que da festa é. Autoridades civiles, relixiosas e políticas acudiron á triste ceremonia. E as bágoas de concodrilo correron a esgalla polo arenal. Coa Sardiña, os cambadeses quixeron enterrar tamén todas as malas noticias que nos deixou o último ano da historia. Por exemplo, a escaseza que deste peixe se está a padecer, e que está a causar serios problemas á flota da localidade. Quixeron soterrar tamén os hepatopáncreas das vieiras todas, para que «deixe de ser un motivo inxustificado da ausencia desta ledicia gastronómica das nosas mesas». E das mesas pretenderon desterrar, con esta ceremonia máxica, os viños albariños «feitos con mala uva». En A Illa, que ten fama de ser un dos concellos que mellor celebra o Entroido en toda a comarca, o luto foi aínda maior. Todos os devotos desta festa, que durante esta semana celebraron auténticas bacanais de cor, de baile, de música e de máscaras, choraron a morte do pobre Manuel. O finado despedíuse dos seus veciños coas súas mellores galas. Vestía un traxe novo e impecable, que lles custou 40.000 pesetas, ou o que é o mesmo, 240 euros, os seus seguidores incondicionais. Pero o que doe neste caso non é o peto, porque na Illa non se repara en gastos cando do carnaval se fala. Agora, un eco de choros percorre toda a comarca. I é que, aínda que vivo, o Entroido está a agonizar en toda a ría. En todos eles, a xente empeza xa a preparar o loito para os difíciles momentos que se achegan.