ENTREVISTA: Ramiro Mato Torrado, apoderado e ex-xerente de Compañía Industrializadora de Bacalao S.L. (Coinba) As naves da Compañía Industrializadora de Bacalao S.L. (Coinba) son desde hai cento un anos espectadoras da historia industrial da parroquia vilagarciana de Vilaxoán. Primeiro como unha factoría de salgazón de sardiña, baixo o nome de Andrés Rodríguez de Dios Hijo, e logo como o que é hoxe, un dos tres secadeiros de bacallau máis antigos de España, adicado tamén á comercialización. Un cambio que se operou en 1962, cando a familia Rodríguez Alarcón, propietaria da compañía, invitou a empresarios cataláns a sumarse a un novo proxecto destinado a sustitui-la sardiña, desaparecida do litoral galego. Case corenta anos despois, o ex-xerente e apoderado de Coinba, Ramiro Mato, prepara a diversificación productiva da firma, co fin de afronta-los cambios no sector bacalladero, obrigado polos avances tecnolóxicos e a perda de caladoiros da flota española.
14 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.PABLO PENEDO VILAGARCÍA Nos anos 40 o porto de Vilaxoán era un dos que máis sardiña recibía. Pero a sardiña desapareceu do litoral galego. Lonxe de amilanarse e pechar as súas portas, os propietarios de Andrés Rodríguez de Dios Hijo buscaron darlle unha nova función ás súas naves de O Preguntoiro, en Vilaxoán. En 1962 contactaron con empresarios cataláns e aproveitaron os seus coñecementos sobre o sector bacalladero para montar Coinba. _¿A que se adica Coinba? _A nosa actividade fundamental é mercar bacallau salgado, sobre todo á flota española, transformalo a seco e comercializalo entre o noso mercado: almacenistas de España e, puntualmente, Portugal. _A flota de pesca galega leva en crise desde hai moito tempo. ¿En que medida lles está a afectar? _Cando eu comecei a traballar nesta empresa, en 1966, a flota española descargaba entre 30.000 e 35.000 toneladas de bacallau ó ano. Agora só descarga entre 3.500 e 4.000. Nos anos 70 os mares eran libres, pero entón os estados reclamaron a xurisdicción das 200 millas, e automaticamente comezaron a recurta-los caladoiros ós españois. Nós nos anos 70 exportabamos bacallau a Italia, Brasil, Porto Rico, ó Congo... Mesmo tivemos que facer unha asociación de cinco factorías para poder atende-lo mercado exterior. Agora non podemos exportar. O noso problema hoxe é poder mercar bacallau para comercializar. De traballar tres turnos diarios a finais dos 60 e manexar 3.500 tm. ó ano pasamos a traballar algunha semana só un día. Hoxe trabállase o que se poida mercar. _¿Quen se quedou co bacallau que non pescan agora os españois? _O que antes capturaban os españois agora o fan mariñeiros de países ricos como Islandia ou Noruega, que se converteron nos líderes mundiais na exportación deste peixe, co que se encarece o producto, ó manipularse nuns países onde os salarios son moito máis altos. _Ante este panorama, ¿cales serán as vosas armas para subsistir? _O sector do bacallau salgado durou moitos anos e agora mesmo ou innovas, amplías ou derivas, ou senón vaille pasar como ó da sardiña. Nós imos face-lo primeiro. Imos aproveita-lo pouco que sabemos do bacallau para ofertarlle directamente á ama de casa productos que lle faciliten o consumo. Neste senso, imos habilitar unha nave duns 1.000 metros cadrados que temos aquí para producir bacallau desalgado ultraconxelado, con sabor a bacallau con salazón, para que chegue ó mercado listo para cociñar. Ademais, pensamos ampliar nun futuro a comercialización doutros productos de mar ultraconxelados, e recuperar, por motivos sentimentais, a salgazón da sardiña.