«Recuperamos a tradición da lareira»

La Voz

AROUSA

MARÍA S. PULIDO TRES PREGUNTAS Xoandevilaxoán, contacontos membro do grupo SOS Xoandevilaxoán forma, xunto con Xisco, o grupo SOS, que xurdiu durante o pasado verán coa intención de narrar historias e conseguir que a xente pase uns momentos agradables. Na noite de onte actuaron na Taberna de Cancela, en Meaño. O próximo día 3 farano no pub Gaël, en Vilagarcía, lugar no que, dun xeito imprevisto, xurdiu esta formación de dous vilagarcianos afeccionados ó teatro.

12 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Xoán e Cisco decidiron, case por casualidade, comezar con esta actividade e adicarse a contar as súas historias en bares e locais nocturnos. Antes, Xoán nunca fixera nada que lle permitise enfrentarse ó público. Agora, aínda que de xeito afeccionado, estes dous mozos de Vilagarcía, xa teñen previstas algunhas actuacións en locais nocturnos. _¿Cómo xurdiu a idea de adicarse a contar contos? _Todo comezou este verán, un pouco por casualidade nunha churrascada entre amigos. Somos moi afeccionados ó teatro e por iso decidimos meternos neste mundo. Pero non é nada profesional. Non pretendemos vivir disto, senón que se trata simplemente unha afección. _¿E a qué cree que se debe esta proliferación dos contacontos que estamos vivindo nos últimos meses? _Eu creo que este apoxeo se debe a que é algo novidoso e, á vez, algo tradicional. Os contos son algo noso, ancestral, que vén da nosa historia oral. A labor dos contacontos é aceptar a tradición da lareira e adaptala ó entorno dun bar. Tamén é algo diferente porque lle ofreces ó público algo distinto ó que estes locais ofertan normalmente. _¿En que consiste o voso espectáculo? _Nós narramos vellas historias orais que adaptamos ó entorno dun bar, tamén relatos de autor e algúns que creamos nós mesmos. Tratamos de facer unha cousa bastante amena para que a xente pase un momento agradable. Intentamos tamén que o público participe activamente na nosa actuación.