A torre de Babel feita granito

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

O Concello do Grove inaugurou co Simposium de Escultura unha nova edición da Festa do Marisco A pedra inaugurou onte o programa da Festa do Marisco do Grove. «O granito máxico de Galicia», en palabras do conselleiro Xesús Pérez Varela, vai ser o protagonista das cinco esculturas que hoxe se comezan a tallar na praza do Corgo. Outros tantos autores, chegados de diversos puntos da xeografía, arrivaron onte á península meca. Foron recibidos pola choiva, polo alcalde, e polo titular de Cultura na Xunta. Despois de coñecer o lugar que durante tres semanas se vai convertir no seu taller, acudiron ó xantar organizado polo Concello para presentar o programa dunha festa gastronómica que xa cumpre os 37 anos.

23 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN O GROVE O mal tempo non convidaba a participar nos actos de inauguración da Festa do Marisco. Aínda así, algúns grovenses achegáronse á praza do Corgo para coñecer os artistas chegados ata o municipio para participar nunha nova edición do Simposium Internacional de Escultura. E xa van once. O acto comezou cun lixeiro retraso, cos nervios do alcalde, e co discurso de Xesús Pérez Varela. Logo, os escultores tomaron a palabra para explicar a súa satisfacción por ter sido elexidos para poder realizar en pedra os bocetos que xa diseñaron sobre o papel. Unhas obras que logo pasarán a formar parte do patrimonio municipal e a ornamentar xardíns. O granito falará este ano moitas linguas. Por exemplo, a de Tanya Preminger, que chega dende Israel para convertir a pedra en tecidos cálidos e brandos. A escultora non é a única que chega dende lonxe. Os Andes son o lugar de orixe de Luis Sifuentes, outro dos participantes neste certame. E eso se nota, din, na obra do autor, que se propón traducir ao idioma do granito a riqueza do mundo onírico dos indios Collaguas, cheo de auga e vento. Falando italiano chegou ata O Grove Berzsenyi Balazs. Baixo o brazo trae un boceto no que se agocha, tras dunha pel de pedra, unha figura humana e voadora. «El mar de O Grove y el valor de sus gentes son el tema de mi obra», di con acento mediterráneo Juan Carlos Rayas. Un barco que flota sobre a lixeireza da rocha é a obra que ocupará durante os vindeiros días a este autor alicantino. E por último, un galego. Leandro Seixas, nado en Guitiriz, representa a proposta artística do noso país neste certame escultórico. Farao coa obra Mirando al interior.