Manolo Chazo, escultor que expón a súa obra na casa de cultura de Vilagarcía «Na miña infancia as avelaíñas eran sinal de boas noticias, dicían que ía chegar carta ó mellor de alguén que estaba embarcado». Sinal de esperanza, de entusiamo. Ese entusiasmo que se reflexa na obra de Manolo Chazo que se expón na casa de cultura de Vilagarcía está presente tamén no seu rostro. Será por iso que o escultor arousano rexeita definir a súa obra, pero matiza que ten que divertilo, sorprendelo, como un neno que se entusiasma ante un novo xogo. Chazo elexiu para esta mostra un conxunto de obras abstractas nas que a natureza é protagonista, unha natureza chea de vida e de cores que se deixa acompañar pola poesía. Se o artista se decantou nos últimos anos pola escultura é pola posibilidade de conxugala coas súas outras dúas aficións, a pintura e a literatura.
25 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Manolo Chazo fai coincidir o punto de partida da súa traxectoria coa exposición colectiva que a principios dos oitenta xuntou en Vilagarcía a un importante número de autores que hoxe teñen xa nome propio no paronama galego. _Foi o xerme de todos os que hoxe estamos a facer cousas. Estaba Leiro, Enrique Conde, Lino Silva, Carlos Maño, Manolo Paz, Uxío, Chaves, Xurxo Alonso... Os que hoxe andamos polos coarenta anos e que entón estabamos unidos por unha harmonía de prantexamentos. Houbo un cambio na arte, pasouse de Rivas Briones, eixo fundamental de aquela, a unha xeración que empezou a crear baixo o concepto da arte contemporánea. Na miña bagaxe influíron moito Leiro e Manolo Paz. _Vostede xoguou tamén coa pintura e a poesía. _A pintura é unha parte que teño esquecida, aínda que a miña escultura ten bastante de pintura e de poesía. Síntome máis cómodo coa escultura, máis libre, porque o contacto coa materia é máis intenso. _Houbo unha evolución dende a escultura figurativa á abstracta. _Os pasos vanse dando sempre en base ó coñecemento, vas cambiando, tes outra percepción da arte. Coñeces novos materiais... Empecei coa madeira e a pedra e dende hai cinco anos estou coa fundición, que para min foi moi importante, ten unhas posibilidades tremendas. A min a figuración gústame, pero síntome máis cómodo co expresionismo. Non deixo a figuración, a fin de contas figuración e todo, pero trátase de facer algo novo. _Pero logo córrese o risco de que o público non entenda a obra. _Pero é porque non hai unha formación xeral sobre cuestións de arte. Entender a obra significa ter sensibilidade. Son formas novas, é certo, pero todo é abstracto a primeira vez, cando foi creado. Eu quero que a xente sinta algo polo que fago, pero non todo o mundo ten esa sensibilidade. A min non me interesa copiar unha paisaxe, para iso fágolle unha fotografía. A arte debe ser rebelde sempre, crear espacios novos, é algo vivo. A min hai moitas cousas que non me din nada aínda que sexan perfectas, ó mellor resulta máis interesante unha obra inacabada pero que diga algo, non como esas exposicións aburridas... Pero tódolos puntos de vista son válidos, tamén os da xente que vai ver a miña obra e di que non a entende.