«Queremos que a xente respete o mar»

La Voz

AROUSA

Alfredo Fernández, xerente de Acquarium Galicia Os banqueiros aseguraban que construír un acuario en Galicia era «unha locura». Así llo dixeron moitas veces a tres homes que tiñan a pretensión de poñer a funcionar na costa do Grove unhas instalacións deste tipo. Hai tres anos, ese grupo de emprendedores, que é como lles gusta ser chamados, conseguiron inaugurar as instalacións de Acquarium Galicia. En Punta Moreiras levantaron un mundo subacuático cheo de especies propias da costa galega. Cada ano, máis de cen mil persoas entran nas profundidades do océano desde ese espacio. Alfredo Fernández, un dos que un día o soñaron, segue a liderar un proxecto que non deixa de evolucionar. Empezara con barcos de fondos transparentes. O último capítulo desenvólvese nun submarino.

29 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

ROSA ESTÉVEZ VILAGARCÍA Alfredo Fernández fuxe da palabra empresario. «Máis ben son un emprendedor», di. Leva máis de trinta anos a traballar no mundo do mar. Fundou Insuíña, unha firma pioneira no cultivo do rodaballo. «É unha empresa adecuada para o país, a máis revolucionaria», asegura. Cando a firma xa estivo asentada no mercado, Fernández dixo adeus. Colleu os seus bártulos e sementou o xerme de Acquarium Galicia. _ O primeiro paso foron os barcos de Acquavisión... _ Quería seguir a traballar no mar. A idea era darlle a coñecer ó gran público algo no que xa levabamos moito tempo a traballar, é dicir, as posibilidades que teñen as nosas rías. E existía a tecnoloxía: os barcos con fondos transparentes, que aquí non se coñecían. Creo que con Acquavisión conseguimos algo importante: poñer en valor unha parte do mar descoñecida. Se a xente coñece esa riqueza, respétaa. Sobretodo os nenos, por eso nos gusta tanto o traballo con escolares. _ ¿Cando xurdíu a idea do acuario? _ Chegou un momento no que nos decatamos de que os barcos están moi ben, pero non era contido suficiente para atraer visitantes. Ademáis, queriamos seguir avanzando en dar a coñecer o mar. Ó irmán natural de Acquavisión era un acuario. Volvemos ser pioneiros, porque en Galicia non había ningunha instalación dese estilo. E no norte de España só estaba o de San Sebastián. Así que, de novo en equipo, puxemos en marcha esto. _ A inversión foi de trescentos millóns. ¿Xa conseguiron amortizalos? _ ¡Ogallá!. Levamos unha progresión económica moi positiva, pero aínda así non é suficiente. Os ingresos que xeneramos ó ano non son de centos de millóns de pesetas, e as inversións que facemos sí. Aíndan nos faltan, polo menos, dez anos para conseguir amortizar todo o que aquí levamos invertido. E eso que atraemos a moitos visitantes. Entre os barcos e o acuario, máis de 200.000 persoas ó ano. _ ¿E como andan de subvencións? _ Está moi extendida a idea de que estamos subvencionados prácticamente o cento por cento. É falso. Algunhas axudas temos conseguido, claro, pero non creo que cheguemos nin sequera ó dez por cento. _ Pese a todas esas dificultades acaban de poñer no mar un submarino. ¿Estalles a resultar rentable? _ O submariño foi un novo paso adiante. Levabamos catro anos a estudiar esa posibilidade cunha empresa de Marín. Agora estamos a aprender a facelo rentable. Os fondos mariños son moi turbios, e temos problemas para sacarlle todo o partido que se lle pode quitar. Esperamos que nun par de anos poidamos aproveitalo na súa totalidade. Será o momento de pensar en mercar máis.