CAMILO FRANCO SOMBRA DOS DÍAS Volveu a sorrir a primavera, non sei se por aledar a Santa Rita ou porque xa lle era tempo de deixarse ver. Volveu a rir e comezaron as festas das cousas da diversión: inauguracións, primeiras pedras, conselleiros cachondos ou «estupendos» que diría don Ramón María, deporte para todos, terrazas e frescuras nas sisas: alegrías nas mozas e alegrías nas guitarras. Mentres nos visita xente sen cesar, aínda que non haxa taxis para todos, este litoral de mestos lumiares diurnos segue coas noites frescas: alguén debería quedar en posición de prevengan porque a semana murcha o seu carácter primaveral antes de que o señor das isobaras o anuncie coa suficiente decisión. Como Marx aventurou: todo acaba en economía. A semana tamén, porque ó amparo desa vella marquesina de que hai outros que cobran máis, Vilagarcía confirma a Marx en que a única liberación posible é a do soldo.
27 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.DOMINGO, 21. OS ASUNTOS IMPOSIBLES. Domingo e festivo, víspera de festivo, festividade relixiosa e todo o mundo que chega a Vilagarcía a peregrinar cos seus asuntos imposibles. Anda a xente apretando os xeonllos contra as lousas frías da cidade e as primeiras dúbidas son sempre se é necesario demostrar tanto fervor ou estas cousas non deberían ser, ó cabo, asuntos íntimos. LUNS, 22. O QUE SE DÁ NON SE QUITA. Non suficientemente escaldado co fervor dominical, o luns demostra aínda máis que en estas cuestións tódalas marcas poden ser batidas. A rúa reborda xente cos seus cirios trala imaxe da santa que é capaz do imposible. Cos respetos que merecen estas conversaciones, habería que pedirlle a Santa Rita que lle busque un amaño a Vilagarcía e algunhas das cousas que se verán máis abaixo. Por exempro, a funesta manía dos políticos por xogar ó tenis de mesa coas cousas dos administrados. Ese é un imposible que, de ser conseguido, deixaría a Santa Rita nun dos mellores lugares de todo o santoral católico, apostólico e romano. MARTES, 28. POR AQUÍ EMPEZAMOS. Poñemos unha pedra e volvemos a anunciar que haberá conexión coa autopista. O asunto da primeira pedra de Fexdega aínda pode levantar algunhas ilusións porque, ó cabo, virán as outras axiña. Non foi sen tempo, é verdade, pero cando menos está aí. Pero o asunto este da autopista é como a cenoria diante dos burros (e non cometan a inutilidade de preguntar quen fai de burro nesta historia). Tediosamente volve a apuntarse un tanto que non existe, que non está pensado, que só é volver sobre o mesmo, outro xogo de mans para impresionar ou, para dar conversa a un ministro de Madrid que, seguramente, descoñecerá o fondo da ría e a fondura dos seus problemas. MÉRCORES, 24. OPTIMISMO DE GABINETE. Superestupendo. Ameriza Landín, xa saben conselleiro de Pesca, e di que non quere falar destas cousas problemáticas de Carril ou de Cambados. Ten os oídos sensibles o conselleiro de tanto como o sector asubía. Para demostrar que está ó tanto e que ningún dos papeis que os administrados mandan ás consellerías se perde, saca un proxecto de dragado da desembocadura do Ulla. Era un proxecto para un Ulla dez anos máis novo, pero non ten importancia. Xogos de mans con truco torpe. O conselleiro por se non quedou claro o seu optimismo de gabinete remacha a visita advertindo que hai que mirar ó futuro. Andaba algo despistado, pero debe ser que non ve Gran Hermano ou que a Champions League o traía alterado. XOVES, 25. DETENCIÓN ILEGAL. María, María: busca un taxi que llegamos tarde. Non hai ningún na parada. Disculpe simpático lugareño: ¿es que no hay taxis en esta bonita ciudad? Pois á hora de comer non, somos moi respetuosos cos costumes dos traballadores, aínda que sexan por conta propia. Sería una carrera pequeña, porque vamos a un hotelito muy majo que hay aquí cerca. Entón, menos aínda. Non pretenderá que toda a complexa maquinaria dun automóbil se poña en marcha por mil metros máis ou menos. Teñan paciencia e, mentres tanto, permanzan detidos admirando o fermoso paisaxe de casas de cemento que se aprecia dende esta máis que fermosa estación do ferrocarril. VENRES, 26. TODA DIALÉCTICA É ECONÓMICA. Non sei por que a dereita sociolóxica que manda municipalmente en Vilagarcía abxura de Marx cando, en realidade, segue fielmente o guión de tantas prediccións como pronunciou o célebre autor de Das Kapital. Marx dixo que a liberación política non se conseguiría se non se conseguía a económica. En Vilagarcía non lle levan a contraría e, lonxe de liberar politicamente ós concelleiros, libéranos economicamente que é o que importa. A liberación non dá para todos porque a lectura que se fixo de Marx en Vilagarcía non chegou a aquela célebre máxima da que tanto gustamos nesta sección: darlle a cada quen segundo as súas necesidades e pedir de cada quen segundo as súas capacidades. Non sei eu se visto así, o negocio este terá tanto sentido. En fin, que o vello Carliños tiña máis razón ca un santo. SÁBADO, 27. CAMPIONATO DE TENIS DE MESA. Samaranch non se debeu enterar dun dos deportes que máis se practica nestes lares: o tenis de mesa cos proxectos. Tomemos o caso do hospital comarcal e asistamos ós rápidos intercambios de pelotiñas que entre o conselleiro, Hernández Cochón, e o alcalde de Vilagarcía, Javier Gago, andan a facer por un pon aí uns accesos como deus manda. Cochón, mentres corta a cinta dun congreso, di que a culpa é do alcalde por non asfaltar; o alcalde di que asfalto hai, que o faltan son camas. Tantas mans e a casa sen varrer. Entendo que ninguén queira ser o primeiro en estrear o Hospital do Salnés e por eso, polo mal fario destas cousas, andan tan fuxidíos.