A banda Loita Amada presentará o sábado 21 en Viveiro «Resistir é vencer»

La Voz VIVEIRO 7 LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >Imaxe da banda Loita Amada, encabezada por Jasper e da que forma parte a trombonista viveirense Xiana Naval, segunda pola esquerda</span>
Imaxe da banda Loita Amada, encabezada por Jasper e da que forma parte a trombonista viveirense Xiana Naval, segunda pola esquerda LOITA AMADA

O concerto terá lugar na sala Garaje a partir das 21.30 horas, e as entradas anticipadas poden comprarse en afouta.com e no bar O Recuncho

18 mar 2026 . Actualizado a las 21:41 h.

A banda galega Loita Amada recalará en Viveiro este sábado, 21 de marzo, para presentar en directo o seu traballo discográfico máis recente, titulado «Resistir é vencer». O concerto terá lugar na sala Garaje a partir das 21.30 horas. Desta banda forma parte a trombonista viveirense Xiana Naval, integrante tamén da asociación cultural Pensamento e Sementeira. Deste xeito, as persoas socias do colectivo contarán cun 10% de desconto na entrada, nunha iniciativa que reforza a relación entre o concerto e o tecido cultural da vila. Tras pasar por vilas e cidades galegas como Melide, Vigo, Compostela ou A Estrada, e despois de ofrecer tamén concertos en Euskadi, Loita Amada continúa coa xira de presentación do seu terceiro álbum, gravado nos Estudos Garate baixo a produción de Kaki Arkarazo. Neste traballo, a banda afonda nun son asentado no rock que incorpora influencias punk, folk, metal, reggae, ska e tradición galega, acompañado dunha marcada vertente lírica e social. As entradas anticipadas poden comprarse de maneira física no bar O Recuncho, e a través de Internet en afouta.com.