Viveiro descubrirá este sábado unha placa en recordo das primeiras directivas da agrupación cultural Sementeira
VIVEIRO
O colectivo foi creado a mediados dos anos setenta e mantívose activo ata o 2003; no 2024 iniciou unha nova etapa
28 ago 2025 . Actualizado a las 17:58 h.Este sábado, 30 de agosto, Viveiro acollerá varios actos en memoria das persoas que formaron parte da Agrupación Cultural Sementeira entre 1975 e o 2003. A cita dará comezo ás 12.30 horas na sala de usos múltiples do Concello de Viveiro, cun acto aberto no que intervirán persoas que estiveron nas directivas dos anos setenta. Ás 13.30 horas descubrirase unha placa na fachada do número 19 da Rúa Irmáns Vilar Ponte, onde abriu hai agora cincuenta anos o primeiro local social do colectivo.
Ás 15.00 horas haberá un xantar de confraternidade no que participarán asociados de Sementeira.
Co nome de Pensamento e Sementeira de Viveiro, o colectivo iniciou unha nova andaina no primeiro semestre do 2024, tras renovar a súa xunta directiva «coa intención de dinamizar a vida cultural da vila despois dun período de menor actividade». Desde entón, a asociación impulsa iniciativas culturais que foran perdendo peso nos últimos anos no Concello de Viveiro, como a Xira de Portochao. Tamén trata de incorporar e asentar outras que poidan ser de interese para a comunidade, como roteiros guiados, clases de baile tradicional ou foliadas. A nova directiva, encabezada por Xiana Naval como presidenta, trouxo consigo «unha enerxía renovada para o futuro do colectivo». «Coa convicción de que a cultura é un elemento esencial da identidade e do desenvolvemento da nosa sociedade, as persoas integrantes teñen a intención de promover unha ampla variedade de actividades que inclúan diferentes formas de expresión cultural», anunciaron entón.