A corza branca

VIVEIRO

25 abr 2023 . Actualizado a las 20:03 h.

Alfred de Musset escribiu «O melro branco«, un conto no que un pequeno melro, nacido cunha cor diferente, cun asubío distinto, é repudiado polo pai e protexido unicamente pola nai ata o intre no que decide enfrontarse á soidade dun mundo hostil. Este mesmo tema aparece tamén en «A galiña azul», de Carlos Casares, que narra, coa súa peculiar sensibilidade e o seu optimismo habitual, as implicacións de saírmos do itinerario que nos marca a sociedade. Lonxe da fábula, que cando menos presenta os conflitos revestidos de corpo animal, Núñez Singala fíxonos sentir toda a dor do rexeitamento na pel dun neno albino que atravesa África nunha fuxida agónica en «Camiños na auga».

A historia está chea de acontecementos reais e imaxinarios nos que o conflito radica na diferenza. Velaquí, por exemplo, esta corza branca nacida no monte de San Roque, desde onde se descobre, en toda a súa grandeza, a beleza da ría de Viveiro, unha beleza que, por certo, non estivo ao alcance dos seus ollos albinos. Rexeitada pola manda, enferma, morreu sen nome, pois o seu coidador, logo do rescate, preferiu agardar a que se repuxese para que os nenos e nenas o escollesen, como cos outros animais do monte. Tería sido o noso Copito de nieve, a corza branca do San Roque.

Bécquer titulou unha das súas lendas «La corza blanca». Ambientada en Aragón no século XIV, semella afastada da nosa pequena corza galega nada na mariña, como encarnación da escuma do mar. A de Bécquer resultou chamarse Constanza, fundindo, como noutras das súas lendas, o ser humano con realidades non humanas. Hai algo fascinante neste animal branco, fermoso e lizgairo, nado nun monte sobre as augas. Algo que fala da beleza e a fraxilidade da vida, da diferenza e o rexeitamento. E semella habitar, espectral coma nas lendas de Bécquer, a noite do San Roque, como os alustros do luar entre a brétema.