Espazo Lector Nobel dará o relevo a Porta da Vila en Viveiro

y. garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Mari Carmen Lage pecha neste mes de xaneiro case 40 anos dedicados ao oficio

22 ene 2022 . Actualizado a las 18:58 h.

Pecha etapa vital e profesional Maricarmen Lage (Pé de Boi-Viveiro, 1952), unha das libreiras referentes na Mariña, tras 36 anos de entrega en corpo e alma ao oficio. Á fronte da emblemática Libraría Porta da Vila en Viveiro (Premio Irmandade do Libro 2010 e Xerais 2001), o vindeiro 31 será o día da súa xubilación, deixando atrás semanas laborais de luns a domingo e «sen coller un mes de vacacións». Despídese dunha labor amada, respectada e sacrificada, pero con tranquilidade xa que a libraría continuará aberta, con novo xestor dende o 1 de febreiro: Espazo Lector Nobel, avanza. A libraría comenzara por 1983 da man de Javier Vigo, ata que Lage a colleu, primeiro soa e logo con Xosé Rodríguez máis o seu home Rafa nos asuntos propios de xestoría. Equipo que completa Montse Fernández, quen continuará atendendo aos clientes neste nova andaina. Lage tamén se despide dos ouvintes de Radiovoz e Ser, aos que lles suxería obras cada semana.

—Preparada física e mentalmente para esta nova etapa?

—Nin o penso. Prefiro que chegue o día. Si que hai momentos en que estou un pouco nerviosa. Pero estou contenta porque a libraría segue aberta, vanse crear máis postos e o traballo de toda a miña vida vai para diante (era o que máis me preocupaba). Ademáis, a xente que a colleu é seria, con moita capacidade e experiencia e iso para min é moi importante. Unha garantía total.

—Quenes serán os novos donos?

—Espazo Lector Nobel. E vai seguir sendo Libraría Porta da Vila.

—Xa conservaran no traslado de rúa o nome da primeira ubicación.

—Houbera unhas anécdotas moi curiosas: Porta da Vila viñera para a rúa de abaixo, Pastor Díaz poñíano nunha esquina e A Fontenova abrira para a Praciña da Herba... Xenerara algunha broma.

—Lembro vir con meu avó cando estaban arriba e mercar enciclopedias que pesaban un quintal...

—E cando nin Internet nin móbiles existían. Cando empecei pensei que coñecía moitos libros, ata que descubrín que coñecía solo os que a min me gustaban. Tiven que poñerme moito ao día.

—Cales eran os seus favoritos?

—Gustábame moito a literatura clásica. Disfrutábaa tanto! Dos que máis me impactou Las runas de Bakunin. Fantástico. Outro que eu sempre recomendei foi Atuado na braña.

—Gustos máis atípicos, quizás. Xa lle gustaba ler de nena?

—Si. Acórdome que me comprara miña nai un libro e gustoume tanto que un día, cando ían meus pais para a cama, díxenlle ‘poido lerche un pouco?’. ‘Le’, díxome. Ela era costureira e el albanel; estaban todo o día cos seus traballos, non lían moito pero preocupáronse pola miña educación. Era unha historia duns nenos que quedaran metidos dentro dunha mina e gustoulles tanto que ao día seguinte dixéronme ‘Mari, vente anda, e lenos outro pouquiño’. Creo, aí iniciouse a miña paixón. Sentíame importante cando meus pais escoitaban o que eu lles lía.

—A libraría avivou esa paixón... e deulle tamén pulo ao libro galego. É un reflexo da súa personalidade?

—Si. Ademáis, hai moi bos escritores galegos. Moi bos. Hai que promocionalos. E hai editoriais que ao mellor non son tan populares pero que teñen libros fantásticos [cita Hoja de lata ou Impedimenta, entre outras].

—Cantos libros ten na casa?

—Son moitos. Entras no salón, a cheminea está á esquerda e logo... todo libros, de arriba a abaixo. Non os contei. Un día terei que contalos, agora que vou ter tempo. Hei de organizar a miña biblioteca e saber o que teño.

—Aparte da amizade cos libros, parte fundamental como libreira foi o contacto diario co cliente.

—E saber qué lle gusta. Teño unha clienta que está namorada da literatura victoriana e cando a avisas dun novo libro é como se tivera catro anos e lle trouxeran o seu xoguete favorito. Para nós, esa é unha ilusión incrible, poder acertar co gusto dos clientes. Tamén temos nenos moi lectores, algúns veñen cos pais e nin sabes que están na libraría. Encántame! A maioría dos que foron dar o pregón xuvenil á Feira do Libro de Viveiro [que ela tamén coorganizou] son grandes lectores de libros, en papel, e eu chamábaos. A min sempre me gustou transmitirlle a meus fillos Luis e Nacho as ganas de ler, e aos netos, Ana e Juan, que son grandes lectores. Igual que as miñas noras.

«Se deixamos de comprar fóra, por Internet, o comercio local vai medrar»

Lage dá fe de que os libros «son a mellor compañía» e «compañeiros fieis», de que «cun libro viaxas, botas horas nun mundo diferente, incluso podes sentir que a protagonista do libro eres ti».

—Tamén, curso a curso escolar, foi forxando Porta da Vila unha relación cos centros educativos.

—Sempre tivemos moi boa relación cos centros. Saben que calquera libro que necesiten, se non o temos aquí consíguese nun tempo moi breve, o normal dun día para outro. Como digo eu, non somos Amazon pero somos ‘amazonas’. Máis ou menos, funcionamos igual. Agora estamos metidos na plataforma todosloslibros.com, que che dá publicidade, como ao resto de librarías, en toda España. De feito, mandamos bastantes libros que están descatalogados pero que nós temos a Sevilla, Pontevedra, A Coruña, Madrid... Ademáis, rapidamente. Tamén é moi importante a boa relación cos centros, porque un negocio, sexa o que sexa, se vende, é riqueza para Viveiro. Se deixamos de comprar fóra, por Internet, etc... o comercio local vai medrar porque o que o que me din os repartidores que traen a particulares é moito. Se se invertira aquí outro galo cantaría.

—Tantas anécdotas que conta. Non dan para escribir un libro?

—Non. Escribir, non. Téñolle moito respeto aos escritores.

—Houbo algún co que tivera algún «encontronazo»? Ou mellor, falemos dos que destacaría dende un punto de vista positivo?

—Bueno, cun pelexeime verbalmente unha vez nunha feira do libro. Falando doutros, Carlos Casares foi para min unha marabilla de home, unha persona extraordinaria. Tamén destaco a Manuel Rivas, e Xabier Quiroga con Xosé Neira [ensina as súas fotos colgadas na parede] Marilar Aleixandre, Ramón Pernas, Agustín Fernández Paz... Tantos!