Ruth Matilda Anderson, de novo en Viveiro


«Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» é o título da antolóxica que se exhibe até o 27 de outubro, na Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal de Viveiro, por mor do convenio de colaboración asinado entre Afundación-Abanca e o Concello. A mostra ilústranos cincuenta e catro fotografías, unha mínima parte do importantísimo relato documental que Ruth Matilda (Nebraska, 1893-New York, 1983) realizou en Galicia durante unha viaxe de investigación entre os anos 1924 e 1926, por encargo do filántropo e hispanista Archer Milton Huntington, fundador da prestixiosa institución de New York The Hispanic Society of América, sociedade á que pertencen os fondos fotográficos. O mecenas americano fundara en 1909 a devandita institución educativa dedicada ao estudo da cultura e da arte do mundo hispánico, motivos polos que Huntington decidiu constituír un amplo fondo fotográfico, formando un equipo de mulleres para documentar a sociedade galega e o seu singular patrimonio etnográfico, antropolóxico e artístico. De tal xeito que en 1921 contratou, entre outras, á nosa protagonista para traballar como fotógrafa na Hispanic Society.

Tres anos máis tarde, en concreto, o 8 de agosto de 1924, Ruth Matilda e o seu pai, o tamén fotógrafo Alfred T. Anderson, arribarían ao porto de Vigo a bordo do vapor S.S. Rossiñol para comezar a súa andaina gráfica e documental por toda Galicia. Os primeiros lugares que percorreron antes de vir a Lugo foron distintas poboacións de Pontevedra, Santiago e A Coruña. Á capital lucense chegaron por vez primeira a mediados do decembro de 1924 e, dende aquí, foron percorrer as terras ourensáns até principios de xaneiro de 1925. Regresarían dende Monforte até a capital lucense, onde se estableceron no Hotel Méndez Núñez, para continuar despois polo Cebreiro e distintas poboacións de Lugo Sur. Visitarán, entre os días 26 e 30 de xaneiro, as vilas mariñáns de Mondoñedo, Lourenzá, Foz, San Martiño de Mondoñedo e Ribadeo, onde fotografaron diversas imaxes, algunhas das cales figuran nesta exposición.

Logo dunha rápida andaina polas terras de Asturias, Cantabria e Valladolid, os nosos protagonistas regresaron da viaxe pola cornixa cantábrica e Castela por Asturias, a través de Vegadeo e Ribadeo até Lugo. Sairían días máis tarde cara á Fonsagrada, Pedrafita e A Pobra de Burón, até volver á capital lucense e dirixirse por segunda vez a Mondoñedo. Dende aquí outra vez a Lugo, onde descansaron e revelaron distintos negativos fotográficos obtidos durante as súas expedicións documentais.

Dende Lugo fixeron a viaxe en coche de liña da empresa La Vivariense (dos de “Xusto”), pasando pola Terra Chá, Muras e Ourol até chegar a Viveiro. Na nosa cidade permanecerían durante tres días, dende o 28 até o 30 de maio, e, aínda que non sabemos onde se hospedaron: se no Hotel Villa de Venecia ou no hostal da Viúva de Justo López, propietaria da empresa de automóbiles na que fixeran a viaxe. O certo é que a estancia na nosa localidade de Ruth Matilda e Alfred ficou recollida no propio diario do proxenitor e documentada na seguinte nota do Heraldo de Vivero, correspondente ao 31 de maio de 1925.

Vexamos polo seu interese o que contaba o semanario local: «Estos días, recogiendo las bellezas tantas veces cantadas de nuestro paisaje y tomando notas de nuestras tradiciones hállase en Vivero el opulento norteamericano Mr. Alfred Theodore Anderson acompañado de una bella y culta hija suya. Son Mr. Theodore y su hija personas muy simpáticas y ella, que habla correctamente el castellano, es una conversadora amena e infatigable que pone en sus charlas todo el colorido mágico de una envidiable cultura cosmopolita.Sus elogios para este rincón encantador de Galicia son constantes y entusiastas. Mr. Theodore y su hija visitaron los principales edificios de nuestra ciudad, de los cuales obtuvieron fotografías. Deseamos a tan distinguidos huéspedes una grata estancia entre nosotros».

Sen dúbida, a capacidade idiomática de Ruth Anderson á hora de falar o castelán foi fundamental para entender e facerse comprender na maior parte dos sitios de Galicia. Non acontecía o mesmo co seu pai que ficaba nun segundo plano ao non poder comunicarse directamente; así en contadas ocasións como en Mondoñedo, manifestouse especialmente agradecido ao atoparse cun clérigo que falaba inglés.

Alfred Theodore tamén escribiu unha especie de diario onde anotaba as impresións e acontecementos máis salientables, que despois remitía con frecuencia á súa familia de América para mantela informada das súas actividades en Galicia. Grazas a estes breves apuntamentos sabemos do interese que espertaron nos dous particulares viaxeiros os lousados de Viveiro. Estes lousados conformados por grandes rumbeiros nos que florecen na primavera unha gran variedade de liques, musgos e felgos, xunto con couselos, distintas variedades de sedum, semprevivum, milamores… dan aos lousados unha base de cor que mistura amarelos e azuis, ofrendo a gama de todos os verdes. Desta visión tan marabillosa dos lousados viveireses tamén nos deixou unha delicada mostra a xenial pintora Julia Minguillón no seu cadro A Boca da Ría.

Mais vexamos a descrición que facía dos mesmos Alfred T. Anderson: «Los techos en Viveiro están muy bonitos hoy. Millones de florecillas rosas y blancas están brotando en ellos. Estas plantas son todo flor, sin hojas que se vean, y manojos de estas florecillas, que crecen muy juntas como burbujas de jabón, se han propagado por los tejados de una gran parte de las casa, a veces incluso un tercio de toda la superficie del tejado. En el espacio entre ellas crece el musgo con un color como de amarillo ocre, todo esto sobre un fondo de pizarra oscura».

Ruth Matilda ademais acompañaba as instantáneas que realizaba con explicacións e comentarios que remitía regularmente a Hispanic Society. Aínda que na exposición da biblioteca tan só figuran dúas vistas dos mercados da Praza Maior e da Avenida de Cervantes, xunto con outra estampa da igrexa de San Pedro e tres máis relativas á celebración dunha Misión na Praza, unha procesión, e unha visita do Viático aos enfermos. Non quere dicir que na realidade Ruth Matilda e o seu pai non sacasen moitas máis fotografías que deben figuran entre os miles dos fondos da Hispanic Society de Nueva York. Estráñanos moitísimo que os fotógrafos non reparasen nos traballos do mundo do mar, nas paisaxes da ría, na trama urbana, coas súas altas chemineas, nos monumentos, nas xentes e parroquias do rural…

Como proba recollemos esta outra anotación de Alfred relativa á toma dunha vista xeral de Viveiro: «Acabamos de cruzar el puente una vez más y estamos haciendo una foto de Viveiro desde este lado de la ría. Está un día de verano precioso y la gente vuelve en multitud después del sermón de la Misión cantando mientras caminan. Cuando veo a los hombres, mujeres y niños andando todos juntos en multitud por el camino, me parece que debía de ser algo parecido en los tiempos bíblicos cuando la gente iba a las fiestas en Jerusalén».

O 31 de maio Ruth e Alfred Anderson partiron de Viveiro cara ao Ferrol, visitando Espasante e as terras do Condado (Ortigueira) onde realizaron distintas fotografías, especialmente do muíño de vento espasantino. Logo, continuarían percorrendo o noso país, e mesmo chegarían a Londres e París, para regresar posteriormente a Galicia, acompañada nesta segunda xeira pola súa colega Frances Spalding. Entre as dúas ampliarían grandemente os fondos da Hispanic Society, marcando un significativo ronsel en canto á metodoloxía fotográfica e ao estudo de campo da cultura material de Galicia.

Tres días na cidade despois de visitar vilas mariñáns

A crónica do «Heraldo de Viveiro» en 1925

Oito fotografías que tomou en Viveiro, na exposición

«Debía de ser algo parecido a los tiempos biblícos»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Ruth Matilda Anderson, de novo en Viveiro