O caso é queixarse

VIVEIRO

PEPA LOSADA

A cobertura en Naseiro xera debate

23 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É ben certo que nunca chove a gusto de todos. A nova publicada onte neste xornal na que se anunciaba que durante a Romaxe do Naseiro -do 25 ao 29 deste mes- se instalará unha unidade móbil de telefonía de Movistar e, polo tanto, haberá cobertura e conexión a Internet para o cen por cen dos romeiros foi recibida cunha notable división de opinións nas rúas e tamén nas redes. A maioría, iso si, contrarias a esta iniciativa.

Na información publicada onte por La Voz apuntaban, en tono catastrofista: «¡Van acabar con Naseiro!». Ao que outro ususario respondía: «Home, cobertura por se acaso... Agora Internet xa é excesivo». Algún máis engadía: «A Naseiro se va a comer, beber y bailar, j...!». E outro radiografiaba a que el considera a situación actual, especialmente entre os mozos: «La fiebre del móvil, ¿ni en las fiestas se puede vivir sin el??».

O caso é que en anos anteriores estas críticas viñan pola escasísima cobertura e nula conexión a Internet durante os días da Romaxe do Bo Xantar. Agora que a situación cambia e si se dá esa posibilidade, as queixas continúan, aínda que con outro enfoque.

O caso é que non está de máis que a Naseiro chegue tamén os avances tecnolóxicos que nos permiten estar sempre conectados, especialmente por se pasa calquera cousa. Algo que non é raro coa gran cantidade de xente que se reúne á beira do río Landro. Despois é responsabilidade de cada un como empregue esta posibilidade. Quen prefira pasar o día pegado a unha pantalla ca estar de troula con familiares ou amigos, pouco pinta en Naseiro...