13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É o nome polo que se coñecen esas casas mariñeiras de dous andares cunha fachada entre os dous e os tres metros, e entre dez e doce metros de fondo. Esta tipoloxía de vivenda foi estendida pola costa galega dende Ribadeo á Guarda, sen excepción. A contraposición coa casa labrega, na que a familia completa facía dentro a vida, e que necesitaba moito espazo para os animais e para os apeiros de labranza, e que tiña superficies moi superiores aos estándares actuais de vivenda, as casas mariñeiras eran pequenas porque a vida facíase fóra da casa, ben no mar pescando, ben nos espazos públicos coas redes.

Con todo, a súa superficie oscila entre os 60 e os 100 metros, nos que se sacaba adiante unha familia numerosa, e que hoxe está nos estándares dunha vivenda colectiva. Non eran casas de probes, que eran as térreas —de planta baixa—, pero aproveitaban todo o fronte suave do mar para apiñalas e formar colectividade, do mesmo xeito que as casas labregas se agrupaban en aldeas. O sentimento colectivo, solidario, veciñal, era moi forte, e moitas tarefas eran colectivas, tanto no agro como no mar.

Foron desaparecendo pola especulación e pola agrupación de varias nunha, pero aínda nos quedan miles, todas elas na costa. Viveiro e Rianxo son as localidades que máis número delas conserva con certa pureza, pero calquera paseo por unha vila mariñeira pódenos mostrar exemplares fermosos, aínda recuperables. Actualmente poden ser unha alternativa habitacional digna, a un prezo razoable, con custos baixos de mantemento, con custos de restauración inferiores a outras tipoloxías.