Entender as terras e xentes do Eo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

RIBADEO

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Castropol corral de vacas, as Figueiras de cabritos, A Veiga de folgazais e Ribadeo de señoritos», cántase tamén mudando os atributos segundo de onde sexa o que canta. Nada ten que ver con ser galegos ou asturianos: o que tal din os de Ribadeo dos focegos ou ambos dos pataqueiros de Burela; o que digan dos ribadenses mellor non sabelo, nin contarei o que leva pasado nos campos de fútbol da bisbarra no último século. Rivalidades locais propias de intensas relacións de veciñanza. O importante é a mestura humana deste territorio galaico asturiano que ten por eixe —nunca fronteira— un río e unha ría. Os ríos unen, dende o paleolítico son inmellorables vías de comunicación de persoas con ansia. Só separan nos mapas trazados nas capitanías militares. Esa mestura demográfica produce unha comunidade: quen é de onde se sabe, importar pouco importa cando os Murias, Molexón, Maseda, sen saír do «m», se moven dunha a outra beira como lóstrego.

Entre Luarca e Viveiro, Ribadeo é o mellor porto natural, o máis protexido dos ataques, dista 100 quilómetros de Lugo, nun radio de 130 ten Ferrol, Xixón e Uviéu. Dese porto saían os barcos para América e iso deulle vantaxe, con alfándega, consignatarios e dous bancos, compensando a frustrada rivalidade con Mondoñedo polo bispado, con Castropol para cabeceira da nobreza pacega. Debaixo das elites as casas labregas marcan unha identidade común neste territorio astur-galaico que distingue os enormes hórreos da costa dos cabozos do interior. Alimentaria e comercialmente a bisbarra funciona con mercados milenarios. Hai pouco, para estudala como unha bacía alimentar histórica no proxecto Eoalimenta, convocamos publicamente grupos e produtores. Achegáronse desde un radio marcado por Navia e Boal ao leste, Oscos, e Negueira de Muñiz ao sur, Lourenzá e Valadouro ao oeste. Unha comarca histórica e persistente coa vila, o porto e a ría de Ribadeo como núcleo mercantil.

Nos tempos recentes as mesturas, amais de na demografía e a produción, tamén foron fecundas na cultura e a política. A mellor biblioteca galega construíuna en Vigo un fillo de Castropol, Fermín Penzol; un dos mellores estudosos da historia galega, o veigueño Cotarelo Valledor, ten un instituto en Vilargarcía de Arousa; podemos falar tamén da memoria dos Barcia Trelles, e resulta obrigado mencionar ao Ibáñez que construíu a maxia de Sargadelos, nado na mesma Santalla d'Ozcos que o Rodil Lombardía que dirixiu a TVG. Un ribadense foi moito tempo voceiro de IU en Avilés, un lucense ideou o pioneiro plano Oscos-Eo para o turismo rural asturiano e teño unha parente que dirixe un movemento a prol da normalización do asturiano. O natural produto das interrelacións humanas. Luís Álvarez, o novo voceiro do PSdeG no Parlamento que é natural do concello do Franco, fala  coma falo eu cando me toca falar en público na Veiga ou nos Oscos. Unha vez fun advertido, unha señora díxome nun bar de Eilao, cando me dirixín ao seu neto: «O neno non entende el galego... porque vive en Canarias». Isto vén sendo o que somos. O demais é irredentismo barato ou invención da tradición de manual.