Os actos terán lugar este domingo, día 28, na cidade episcopal
27 feb 2021 . Actualizado a las 09:36 h.Mondoñedo acollerá unha homenaxe en lembranza do escritor Álvaro Cunqueiro coincidindo co corenta cabodano do seu pasamento. Será mañá, día 28. O Concello organiza varios actos que comezarán cunha ofrenda floral ante a súa tumba, no Cemiterio Vello. Ás 11 horas terá lugar a recepción de autoridades por parte do alcalde, Manuel Ángel Otero, e tamén se colocará unha rosa ante a tumba de Leiras Pulpeiro. Xa no auditorio Pascual Veiga, ás 11.45 horas, será o acto de nomeamento de Cunqueiriana de Honra da profesora da Universidade de Vigo, Rexina Rodríguez Vega. Trala súa intervención, tomarán a palabra Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura.
Ás 12.30 horas empezará o maratón de lectura pública da obra de Cunqueiro El año del cometa. Ás 13.00 horas terá lugar a presentación de Arqueoloxía cunqueiriana, volume da Colección Selva de Esmelle e intervirán César Cunqueiro González?Seco , escritor e fillo de Álvaro Cunqueiro; o profesor Felipe Debasa Navalpotro, da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid; Armando Requeixo e Abel Vigo García, autor da obra e arqueólogo do Concello de Mondoñedo. Está previsto que acudan ao acto o rexedor; Elena Candia López, primeira tenente de alcalde e deputada autonómica; Alberto García; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno; Mayra García, deputada provincial; Rexina Rodríguez Vega; Armando Requeixo Cuba, César Cunqueiro González-Seco, Felipe Debasa Navalpotro, Abel Vigo García e outros representantes da corporación local.
Desde o Concello mindoniense lembran que os actos son públicos e que se celebrarán baixo as medidas sanitarias polo covid-19 e con control de aforo.