Na aldea

Xulio Xiz

MONDOÑEDO

21 abr 2020 . Actualizado a las 09:13 h.

De estudante, en Vilalba, sorprendeume saber que frei Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo a mediados do XVI, escribira un Menosprecio de la corte y alabanza de la aldea. Especial sorpresa porque corrían os anos sesenta, nos que a vida en cidades e vilas se valoraba especialmente e a das aldeas desprezábase coma se non tivesen máis futuro ca a emigración, como así sucedeu.

Confinado no rural, teño que darlle a razón cinco séculos despois ao frade-bispo da diocese á que aquí pertenzo, porque a mesma aldea favorece o illamento, sen as limitacións de outrora para unha existencia tan vital coma na cidade.

Ao lado da casa, pasa ás once e media da mañá o panadeiro, que avisa con pitadas repetidas da súa presenza. O condutor -máscara e guantes- presta un impecable servizo, o mesmo que outro par de panaderías que percorren as parroquias de Begonte. Unha distribuidora vilalbesa, martes e venres, pasa á beira da casa, e, sabendo que a agardamos, a condutora abre o portón traseiro do seu furgón e aparece un supermercado en pequeno onde leva practicamente de todo: froitas, verduras, conservas, pan, patacas... As vías de comunicacións son impecables, as posibilidades de exercicio físico excelentes… Só a cobertura telefónica é problemática, e Internet vai a empuxóns. Pero nada hai perfecto. Aquí levo máis dun mes… e, se xa era un convencido das bondades do rural, a vivencia deste peche interminable faime dar a razón ao bispo mindoniense que no 1539 avogaba pola vida rural, preludiando a frei Luis de León e a «descansada vida» do que foxe do mundanal ruído. Tiñan, teñen, moitísima razón