Poden depositalas en caixas distribuidas polos bares e tamén envialas a un correo electrónico
05 feb 2026 . Actualizado a las 11:36 h.A asociación cultural A Pomba do Arco anima aos focenses a participar no Touporroutou, que correrá a cargo do grupo Touporroutou Teatro e o grupo de pandeireteiras da Subela, terá lugar o domingo 15 de febreiro ás 20.30 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero. Os veciños poden participar depositando as súas coplas nas caixas distribuidas polos bares de Foz.
A Pomba convida a todos os veciños a participar coas súas coplas no Touporroutou, un espectáculo xa clásico do entroido focego. Ínstaos a agudizar o enxeño «achegando as súas coplas ás diversas caixas colocadas en diversos establecementos de Foz». Están distribuidas nos seguintes locais: Eskina, Anduriña, Urban, Muelle Bar, Cervexaría Augas Santas, Funcional, Happy Days, Pachán, Chapela, A Bolera, Casa Damián, Dandy e Xoiña. O venres 13 de febreiro ás 20 horas é a data tope para entregalas.
Outra novidade para esta edición é que se abre unha conta de correo electrónico (apombadoarco@gmail.com) para que os veciños que o desexen acheguen a súa composición ou copla pola vía dixital.
«O éxito e a continuidade do Touporroutou depende da participación veciñal, polo que solicitamos dos focegos e das focegas o seu apoio e a súa axuda, elaborando coplas e cantigas sobre os temas que consideren de interese, a fin de que esta actividade sexa realmente unha autentica crónica da vida social de Foz ao longo deste último ano», explican.