«Creo que retirar o libro en papel por completo é un erro»

Lucía Rey
lucía rey FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

Cielo Fernández, propietaria de librería Bahía, di que o primeiro e o segundo día de clase son «de moitísimo apuro»

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A poucos días do inicio do novo curso, librerías de toda A Mariña ultiman a recepción e a venda de libros de texto e de material escolar. Cielo Fernández, propietaria da Bahía de Foz, conta que o primeiro e o segundo día de clase «son momentos de moitísimo apuro porque hai coles que dan as listas co material». Con todo, o trasfego comezou xa en agosto. «Xa no verán hai xente que vai comprando cousas, mesmo xente de fóra que pasa aquí as vacacións. E logo, cando chega o 1 de setembro é como o pistoletazo de saída. O momento no que se diferenza o ambiente de veraneantes e turistas, e o ambiente da volta ao cole. Cambias de mes e cambia todo», subliña. Explica que en canto ao material escolar hai o «a, b, c, o básico», pero tamén un mundo «de fantasía, deseño, novidades». «Aínda que sexa nunha goma ou nun bolígrafo, hai moita variedade», explica Cielo, e indica que sobre todo os rapaces máis maiores «escollen o material que queren». Con todo, Fernández lamenta a paulatina desaparición das aulas do libro en papel debido, sobre todo, ós novos proxectos educativos impulsados pola Administración que fomentan o traballo con tablets e ordenadores. «Creo que retirar o libro en papel da aula por completo é un erro. É incomprensible que ata hai pouco na maioría dos coles non se usase case nada das novas tecnoloxías como recurso educativo porque teñen moito que achegar, pero a mesma barbaridade me parece que agora se desbote o libro en papel e a escrita e desaparezan», conclúe.