«Este libro é unha promesa a Don Francisco»

La Voz

CERVO

XAIME F. RAMALLAL

O seu mestre, Rivera Casás, é unha das razóns de ser dun volume sobre San Ciprián e A Mariña

08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Mosquera «Bígaro» presentou onte, co patrocinio do Concello de Cervo, o libro Islas Cyprianus: orgullo y patrimonio, do que o alcalde cervense Alfonso Villares di: «É un libro que nos ofrece a oportunidade, tanto ás novas xeracións como aos que temos máis idade, de mergullarnos na nosa orixe». 460 páxinas cheas de nomes propios e historias e do cariño que Mosquera sente por San Ciprián e arredores. Tamén un documento onde reflicte o privilexio que sentíu ao ser alumno de Rivera Casás e escoitar ás xentes do mar.

-É un libro moi sentimental.

-Por dous motivos. É un compromiso, unha promesa. Eu tiña unha relación moi especial con Don Francisco Rivera Casás, que sempre falaba dos seus alumnos, como Manolo Barros Quelle. Eu prometinlle continuar a súa obra. Tiñamos unhas conversas tremendas. Podo contar una anécdota.Cando me nomean xerente do hospital (...) na primeira fila estaban meus pais e Don Francisco. Coma sempre, antes de empezar a falar pedíalle permiso e cando remataba sempre lle preguntaba ‘Don Francisco, que ten que dicir?’ por se me tiña que facer algunha correción(...) A primeira persoa pola que eu escribo este libro é el. A segunda é o orgullo que sinto de ser dunha xeración especial. Fun un privilexiado porque o normal con 12 anos era coller o petate e ir ao mar. Tiña unha parte boa que era a formación, a tradición oral, escoitar aos patróns, que eran os nosos heroes. A mala era que ían de chó, de muchacho home para todo. Don Francisco era un home tremendamente relixioso, sensible co paisaxe e a cultura. Foi o primeiro que falou da importancia do castro da Atalaia. Eu era un pícaro e escoitaba a Don Francisco falar de que San Ciprián era un pobo moi importante, que había unha poboación celta que se relacionara por mar con moitos pobos, cos normandos, fenicios, árabes, romanos... e ensinounos a linguaxe dos ventos. Ser de San Ciprián non era calquera cousa. Ademáis, o orgullo non o perdín nunca.

-En que época lle houbera gustado nacer aquí?

-Teño dúas nas que me houbera gustado moitísimo nacer. Unha é a caza da balea e a bronca coa Igrexa e cos vascos, no XIV, que chegaban cuns barcos grandes. Empeza a sementeira dos pósitos, a organizarse a xente, e o sangue do mamífero espantaba os bancos da sardiña... Por aí veñen os pleitos. E coa Igrexa; o poder infinito que tivo en Galicia. O pago dos diezmos ven de aí. En cada balea que se cazaba (que non se pescaba), de dez barriles de saín (o aceite, que era o petróleo da Idade Media), un ía para a Igrexa e a aleta tamén(...) Neste libro trato de recoller o patrimonio. Por exemplo, o surgidero de baleas máis antigo de Galicia é San Ciprián. Estaba no Cabalo.

-Outra etapa da que lle houbera gustado ser testemuña?

-O Concello de Cervo tén dúas cousas importantísimas que o diferencian doutros. Un é a balea e outro é Sargadelos, a segunda etapa onde a min me houbera gustado nacer. No ano 1750, cando tiña concedida a cédula o que vai ser o Marqués de Sargadelos, haber vivido a folga revolucionaria do 30 de abril de 1798... Houbérame gustado coñecer a Ibáñez porque debeu ser moi intelixente. Ademáis, eu seguinlle toda a pista. Coñeceu a Cester en Ribadeo e é ao que lle di ‘a Ilustración en España consiste en que no tengamos que importar cosas de fuera, que las hagamos aquí’. Dixo que o futuro era a louza e o vidro.

-Neste volume non só fala de Cervo, tamén da Mariña.

-José María Rodríguez, cura de Vilaselán, como Cal Pardo, dedicouse á investigación pero a del ten algo importantísimo. Demostra que cando falamos de Britonia falamos da diócese máis antiga ao sur de Europa fundada por Maeloc. E demostra que Britonia é o que vai ser logo a Diócese de Mondoñedo. Nós somos Britonia, o que nos leva a San Martiño, lugar importantísimo. Britonia é outra razón máis de orgullo, de traballo, de investigación...