«O audiovisual galego está no culme, sobre todo a nivel series»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA/LA VOZ

BURELA

VOZ AUDIOVISUAL / TVG

A partir deste domingo dará vida á personaxe dunha ama de chaves (Sandra) en «Serramoura» de Voz Audiovisual para a TVG

10 may 2019 . Actualizado a las 11:11 h.

Aínda que hai motivos de sobra para seguir o thriller rural de Voz Audiovisual para a TVG Serramoura, este domingo na Mariña haberá un máis e non menos relevante: a incorporación, no inicio dunha nova trama na serie, de Rosalía Castro, actriz de Burela que fai de ama de chaves (o papel de Sandra) nun total de cinco capítulos.

-Está agora en Madrid. Cantos anos leva na capital? Como lle vai en canto a traballo aí?

-Levo aquí case once anos. Bastante ben. Gústame moito porque podes traballar nisto e preparate. Aínda que cando hai morriña, xa sabes, volvo á terra. Gustaríame que houbese máis sorte de traballar máis en Galicia... A ver se tras Serramoura me quedo máis tempo aló. De momento, a base téñoa en Madrid.

-Bueno, pero seguro que se lle fan unha chamada galega, o seu corazón di ‘si’ ao instante.

-Dende logo!

-Como ve agora a saúde do sector audiovisual galego?

-Está no momento culme, sobre todo a nivel series. Por exemplo, Fariña comezou en Antena 3 e logo en Netflix, un gran paso para ver o talento galego a nivel internacional. Despois, en todas as series de TVG hai formatos interesantes e de gran calidade.

-Neste caso, "Serramoura" está producida por Voz Audiovisual.

-Si, e é unha das produtoras que sempre dá no clavo, en canto a historias. Penso que hai moito talento audiovisual en Galicia e que cada vez se ve máis e se descubre todo o que temos por dar...

-Como se cruzou no seu camiño profesional «Serramoura»? Como resultou a proba?

-Tiven unha proba porque eu lles encaixaba para unha personaxe dunha nova trama. Foi unha proba moi traballada, pero tamén o pasei moi ben. Fíxoma quen é o director nesta parte, Miguel Conde. É un pracer traballar con el, porque sabe moi ben como transmitir o que quere e respecta moito a proposta que ti lle lances. É un gusto traballar na casa con xente con dominio, respecto e ilusión. Foi en novembro cando rodei estes cinco capítulos de Serramoura, en A Coruña, durante unha semana e media. E traballar cos compañeiros... foron un luxo!

-Da nova trama, ata onde nos pode «ler», como soe dicirse?

-Roi (Xulio Abonjo) e Marga (Lucía Regueiro) investigan a desaparición dunha muller da familia dos Osorio, que vive nun pazo. Eu son a ama de chaves... e a partir de aí investigan o caso. É Serramoura na súa pura esencia.

-A rodaxe, foi fácil ou difícil?

-O equipo é moi consolidado, é unha gozada porque así vai todo rodado. Dentro da liña que buscaban, quíxenlle dar unha dualidade á miña personaxe, non facela só dende un lado, positivo ou negativo. Sempre me gusta xogar coas dúas caras. Quixen darlle máis profundidade.

-Xa ten percorrido en series.

-Pasei por varias: El Comisario, Ciega a citas, Hotel Almirante, Homicidios... O máis destacado foi que gañei o premio a mellor actriz en Ourense por Mouras, unha curtametraxe que está xirando por moitos festivais a nivel internacional, de carácter fantástico e rodada no Caurel. Tamén estivo nomeada nos Mestre Mateo.

-E ao mesmo tempo, tamén hai que subliñar todo o amor que manifesta polo teatro.

-Sempre está presente. Estiven con Puntos Suspensivos no Teatro Lara de Madrid ata o mes de novembro e agora, coa miña compañía, chamada La Smorfia, coa que actuei en Burela, a partir de setembro teremos un novo traballo: El Rey Juan de Shakespeare. Nese imos ir ao grande!

Presenza en cinco capítulos

Domingos: 12, 19 e 26 de maio e 2 e 9 de xuño?•?22.00 horas?•?TVG?•?Os capítulos de Serramoura nos que vai estar presente, facendo o papel de ama de chaves, a actriz burelense Rosalía de Castro son cinco, a emitir entre o que queda de maio e parte de xuño. Despois da emisión pódense ver tamén na páxina web da TVG, lembra a actriz.