«O boxeo é un deporte sanísimo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

BURELA

Adrian Rubio

Martiño Río, boxeador amateur de Burela e campión de España, adestra tres horas ou máis ao día, durme oito ou nove horas e é de «bo comer», di

30 ene 2019 . Actualizado a las 12:43 h.

Martiño Río (Burela, 1987) chegaba o ano pasado ao máis alto no boxeo afeccionado en España alzándose co título de campión a nivel nacional. Aínda que estudou Dereito e a súa traxectoria laboral segue ese curso na súa vida, non quita que lle dedique tempo e ganas á súa paixón.

-Cando foi que entrou o boxeo afeccionado na súa vida?

-Eu víao dende sempre. Sempre me gustou. Practicalo creo que con 16 ou 17 anos en Burela, daquela con José Manuel Guerreiro. Era para complementalo co fútbol, pois xogaba no Burela.

-Daquela, imaxino, para un neno sería case todo fútbol no que se refire a actividades deportivas...

-Cando era pequeno o balonmán estaba de capa caída. Case todo era fútbol e baloncesto, aínda que eu xa facía atletismo cando ía ao colexio «dos curas» a Foz. Meus pais, meu pai sobre todo, quixo que fixese todo o deporte que puidese de pequeno. Acordo que meu pai me dixo que non fixese só fútbol. Sempre me animaba a que seguise co atletismo e con outras cousas...

-Do boxeo, comentou algo?

-Non dixo nada en realidade. Eu tiña os 17 anos cando empecei a adestrar. O boxeo é un deporte sanísimo, axúdache á coordinación de pernas, pés, mans e cabeza, á mobilidade, a ter reflexos, forza, resistencia... Como actividade física penso que é do mellor que hai e que é dos deportes máis completos que existen. Ademais, non hai contacto xa que cando vas a clase pegas a un saco. Eu non empecei a competir ata os 27 anos. Empecei tarde. Cando din ese salto xa era un home.

-Como se coida? Canto durme? Canto come?

-Procuro durmir 8 ou 9 horas. Bastante. Son de bo comer. Si que como moitas cantidades.

-Ao estilo galego, vamos.

-É moi parecido á comida tradicional pero quitando certas cousas. Con cantidades grandes hai que ter coidado co que comes. Por exemplo se fas fabada normal e corrente, sen tantas graxas, a dixestión é máis fácil.

-Non vexo eu un cocido «light».

-No cocido procuro comer moitas nabizas e cimóns, patacas e carne e evito as graxas pero máis polas dixestións, non polo peso. Pensa que como moita cantidade e moitas veces. Procuro comer cinco veces ao día: ao almorzo, á comida, á cea, a media maña e a media tarde.

-Traducido en calorías?

-Nin idea. Como de todo, procurando comer cousas que sexan de dixestión fácil.

-E canto adestra ao día?

-Tres horas ou tres horas e media ao día.

-Cando lle dá ao saco, en que pensa Martiño? En como está o mundo hoxe, por exemplo?

-Teño a mente en branco, estou concentrado e focalizado en corrixir problemas a nivel técnico. Non é para descargar adrenalina.

-Coma se meditase...

-O fin da meditación é conseguir deixar os problemas atrás e tamén no boxeo necesitas un nivel de concentración tan alto que só te centras niso e te olvidas do demais, da hipoteca, do paro, etcétera... Non che queda o cerebro como para pensar noutra cousa. O efecto relaxante é moito. No meu caso, penso en competición.

-Cando vai a clase... que atopa, máis boxeadores ou boxeadoras?

-Hai días e días. O sábado pasado, nunha clase de vinte persoas eramos cinco rapaces e o resto mulleres. Eu estou con Chano planas en Fight Factory A Coruña, no Marineda. Alí tamén dou clases de boxeo.

-Ten outra dedicación laboral?

-Empezo agora outra vez nunha empresa de servizos que traballa para banca e leva expedientes hipotecarios, comisións de gastos, cláusulas chan... Nós preparamos toda a documentación. Estudei Dereito na A Coruña.

-Física, ou xudicial, ao fin e ao cabo son tipos de «loitas». Ve que persista a asociación popular de boxeo con violencia?

-Iso vén de moi antigo e moi vello. O boxeo é dos deportes máis antigos. Dende que se podía caldear así o ambiente por exemplo en 1850 nun barrio obreiro de Londres, houbo cousas que se foron arrastrando no tempo. Pero o boxeo, aínda que visualmente se vexa violento, hoxe en día é simplemente un deporte.