Xosé Miranda (burela, 1970) é un dos creadores de Rei Zentolo, a firma que deu acubillo as ideas de dous deseñadores no 2003, a firma que lanzou unha serie de camisetas con logotipos cargados de retranca e referencias sentimentais a terra. Miranda conta como o deseño en clave galega abriuse paso con humor, moitos días de feira e sen manuais de márketing.
-Soupa de Grelos (a primeira camiseta que ofrece La Voz) foi un dos vosos primeiros éxitos. Como foron os comezos?
-O deseño da Soupa de Grelos naceu no 2002, antes de que nos puxeramos a traballar como empresa. As tendas non nos fixeron moito caso. Non interesaba o deseño de temática galega. Mandaba outra estética, unha estética urbana, dicían. Así que... a patear feiras e festivais. No Festigal de Santiago puxéronnos nunha esquina e o primeiro día case non vendemos nada. Pero o segundo día vendemos as 300 camisetas que levábamos.
-Que mudou para que vos chegase o éxito?
-As nosas camisetas convertéronse nun bum en feiras e festivais, entón empezamos a ter clientes e tendas interesadas na distribución. Que mudou? Supoño que había un mercado para as nosas prendas, o público adoptounas como un sinal de identidade, un xeito de orgullo, de dicir son galego, de acercarnos ao noso. Tampouco temos posibilidades de facer grandes campañas de promoción. Fomos coñecendo o mercado pouco a pouco, e recorremos Galicia darriba abaixo en plan comercial.
-Como é o proceso creativo dun deseño?
-Primeiro lanzamos unha tormenta de ideas, logo cada un fai os seus deseños (somos agora catro) e pómolos en común. Hai moitos que rematan no caixón, pero cada seis meses sacamos unha colección nova. O éxito dos deseños varía. Hai algún dos primeiros que fixemos que hoxe se vende ben. No caso da Soupa tivemos a mala sorte que un programa fixo o seu logo a partir da lata de Warhol, e a xente que non coñecía a Warhol identificaba a nosa camiseta co programa.
-Cal é a razón de que se vendan tan ben?
-Os nosos deseños no se basean na cor, aínda que ás veces o que fai que unha idea aparcada empece a funcionar é un simple cambio de cor. O noso é algo máis. Un slogan, unha idea coa que a xente se identifique.