Cranios humanos en igrexas da conca do Eo

emilio piñeiroa

A PONTENOVA

E.P.

Hai tres lugares documentados: en Conforto na Pontenova, en Baos e Órrea

13 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A maioría de persoas relacionan as caveiras ou cranios coa morte, con algo malo e escuro, pero en moitas culturas dende a Idade de Pedra, pasando pola Idade Media e ata os nosos días, foi obxecto de fascinación e veneración.

Na conca do Eo son tres os lugares documentados nos que aparecen caveiras incrustadas nos muros de lugares sagrados. Atopámolas nas igrexas de Baos (concello de Ribeira de Piquín), Órrea (Riotorto) e O Conforto (A Pontenova), aínda que sobre esta peculiar técnica pouco se sabe.

As caveiras atópanse, en tódolos casos, encaixadas na parede e coa cara para fóra, xerando así un tétrico diálogo entre os vivos e mortos, no marco dun espazo sagrado de gran concorrencia.

Da orixe destes enterramentos pouco se sabe. Algúns veciños falan da existencia dun mosteiro xa desaparecido. En Baos, os veciños cren que os cranios son de curas que viviron nesta parroquia, mentres que en Órrea din que a caveira é dunha monxa do antigo convento.

San Xoán de Baos atópase nunha parroquia que pertence ao concello de Ribeira de Piquín, regada polo río Rodil, o maior afluente do Eo. Esta igrexa pertenceu en Galicia á Orde de San Juan de Malta, orde militar relixiosa fundada en Xerusalén para a súa defensa e a de hospital de peregrinos. Estendeuse polo occidente europeo e chegou a establecer as súas bases en Portomarín. Baos pertenceu ata o ano 1876 á encomenda de Portomarín.

No pórtico ou cabido (un espazo cuberto na entrada da igrexa) nun espazo en branco que hai encima dunha ventá, encaixadas na parede, hai cinco caveiras humanas.

Os cranios atópanse de forma ordenada, visibles, formando unha especie de triángulo. Ningún conserva a mandíbula inferior, e tres teñen pezas dentais ben visibles. As cinco caveiras están posicionadas cara a fachada da igrexa.

Outro lugar con caveiras atopámolo na igrexa parroquial de Santa Comba de Órrea, no concello de Riotorto. Aquí asentouse durante a Idade Media un mosteiro feminino.

Ao pasar a porta principal, no interior, á man dereita, incrustada na parede, hai unha pía de auga bendita (antes foi un capitel prerrománico dunha columna), decorada con volutas. Sobre a pía, encaixada na parede, aparece unha caveira humana. Está disposta de fronte, mirando directamente ao altar maior. Carece de mandíbula inferior e non conserva ningunha peza dental.

Finalmente, está a igrexa parroquial de Santa María do Conforto, na Pontenova. É un centro Mariano situado nun val sucado polo río Turia, afluente do Eo.

Entrando pola porta lateral do sur, á altura do cruceiro, na mesma parede, á man esquerda, sobre unha pía de auga bendita hai unha caveira humana. Está coa cara para dentro e mirando ao interior do templo, non directamente ao altar maior. Carece de mandíbula inferior e non conserva peza dental algunha.

Texto. FIRMA