«Reinicio» da Banda de Música O Landro de Viveiro este sábado, día 21, co concerto «Éxodo»
A MARIÑA
Actuará ás 20.30 horas na igrexa de San Francisco no marco do programa Adral que impulsa a Xunta de Cofradías
18 mar 2026 . Actualizado a las 21:11 h.A Banda de Música O Landro, de Viveiro, protagonizará este sábado, 21 de marzo, un «reinicio» durante o concerto que ofrecerá no marco do programa Adral que impulsa a Xunta de Cofradías de Semana Santa, e que levará por título «Éxodo». A actuación dará comezo ás 20.30 horas na igrexa de San Francisco. A formación, composta actualmente por uns 40 músicos, volver ser dirixida por Carlos Timiraos Timiraos (Viveiro, 1985), quen impulsa un proxecto de creación propia, integrado por música e narración, ideado ex profeso para esta ocasión. Segundo expón Santi Noriega, que se encargará da narración, a proposta ofrecerá ó público unha «esquematización» do libro Éxodo, recollido na Biblia. Narra a historia do éxodo mediante o que os israelitas abandonan a escravitude en Exipto. Estará distribuida en oito intervencións: «Moisés, príncipe de Exipto», «A escravitude e o chamado de Deus», «As dez pragas», «O éxodo dos israelitas», «O cruzamento do mar Vermello», «Os dez mandamentos», «O becerro de ouro» e «A alianza e a construción do tabernáculo». Cada unha delas irá acompañada por unha peza musical seleccionada por Timiraos e «acaída en cada caso ó caracter do momento narrativo de cada intervención», destaca Noriega. Nesa liña, o director da banda O Landro indica que non se trata dunha sucesión de pezas independentes, «senón dun tecido sonoro construído para acompañar, reforzar e amplificar cada momento da historia». A selección do repertorio procura músicas de linguaxe contemporánea para banda sinfónica. «Cada pasaxe sonora foi escollida atendendo á súa capacidade de suxerir atmosferas, emocións e tensións dramáticas, acompañando con precisión o punto narrativo no que se desenvolve a acción», subliña. Haberá obras de compositores como Thomas Doss, Jan Van der Roost ou Robert W. Smith.
A continuación será presentada a marcha gañadora do cuarto certame de composición Blas García Liz.