Os postos de traballo feminino creado foron 21, 14 por conta propia e 7 por conta allea en sectores de todo tipo
02 mar 2026 . Actualizado a las 19:56 h.A Xunta de Galicia axudou a impulsar 15 negocios liderados por mulleres na Mariña lucense o último ano a través da convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino correspondente a 2025. As achegas concedidas suman 192.000 euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou este luns en Foz un dos establecementos beneficiarios, a escola de música e danza MAD Performing Arts Studio, que coa súa posta en marcha xerou tres postos de traballo, un por conta propia e dous contratos.
En canto á distribución das axudas nos concellos mariñáns, Foz e Ribadeo contan con tres iniciativas cada un; Burela, Cervo e Mondoñedo dúas respectivamente; e Xove, Barreiros e Lourenzá unha. Tal como explicou JAvier Arias, a maioría solicitaron a liña Emerxe, con doce beneficiarias. Outras dúas corresponden á modalidade Impulsa, para favorecer a consolidación ou a reactivación de negocios e a implantación de medidas de mellora da competitividade. A última pertence á terceira liña, Innova, que apoia propostas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Creación de emprego
«O número de postos de traballo feminino orixinados en total ascende a 21, dos que 14 son por conta propia e sete por conta allea. Cómpre resaltar que oito deles eran persoas desempregadas de longa duración. Ademais, o programa axudou ao mantemento de catro empregos (a metade por conta propia e dous contratos)», indicaba este luns pola mañá Javier Arias en Foz.
No que respecta aos sectores, entre os beneficiarios figuran negocios de hostalería, restauración, compravenda de gando, xestión de comunidades de propietarios, confección, albanelería e electricidade, venda de produtos cosméticos, centros de estética, un espazo creativo e social, unha consultoría especializada en propiedade intelectual e transformación dixital, un servizo editorial e de redacción, unha tenda de roupa e unha asesoría empresarial.
Arias explicou que a Xunta convoca cada ano o programa Emega, con catro modalidades de axudas para impulsar o liderado feminino no eido laboral. Ademais das tres mencionadas ? Emerxe, Impulsa e Innova -, comprende a liña Concilia, para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.