Balseiro acusa ao BNG «de ser unha marioneta do sanchismo e de ir en contra dos intereses da Mariña»

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O senador do PP por Lugo di que «o acto organizado polo BNG en Viveiro foi un teatrillo, unha pantomima, na que reivindican infraestruturas que os seus socios do PSOE bloquean no Congreso»

10 ene 2026 . Actualizado a las 14:11 h.

O senador mariñán do Partido Popular José Manuel Balseiro acusou aos representantes do BNG nas Cortes Xerais -o deputado Néstor Rego e a senadora Carme da Silva- de ser «simples marionetas do sanchismo» e censurou que «agora veñan a reclamar infraestruturas que deron por feitas a cambio de ceder os seus votos, en dúas ocasións, a favor da investidura de Pedro Sánchez».

O representante popular di que o acto comarcal organizado polo BNG este venres en Viveiro, «ademais dun fracaso de participación, foi un teatrillo, unha pantomima, xa que logo reivindican infraestruturas que os seus socios do PSOE bloquean en Madrid sen ningunha consecuencia e, a pesar diso, o BNG segue apoiando a investidura de Pedro Sánchez».

Balseiro lembra que «nos sete anos de lexislatura en Madrid non se iniciou un so metro nas obras da autovía da Mariña e tampouco se avanzou nos trámites administrativos pendentes, limitándose a presentar o trazado dun tramo (Barreiros-O Carme Foz) que xa estaba deseñado. ¿E en que se traduciu este incumprimento de Sánchez? En nada. O BNG segue apoiando ao PSOE en Madrid».

O senador popular tamén lembra noutro momento que «o BNG formou parte do Goberno municipal de coalición en Viveiro, que sempre bloqueou todas as alternativas propostas para a variante de Viveiro e que só agora que a alcaldía está en mans do PP, foi posible avanzar nun proxecto de infraestrutura moi importante para a cidade e para o conxunto da Mariña».

Finalmente o senador popular reprocha aos representantes nacionalistas en Congreso e Senado de estar «deliberadamente ausentes» en moitos debates que o PP promove nas Cortes Xerais a favor dos intereses da Mariña como é o caso das iniciativas sobre o futuro de Alcoa, sobre a reforma integral da N-642 ou sobre a propia autovía da Mariña, entre outros.