Abertas as inscricións para os artesáns interesados en participar no Mercado de Nadal de Burela e no Rastro

La Voz

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Serán o 29 e 30 deste mes na Praza da Mariña

04 nov 2025 . Actualizado a las 18:14 h.

O Concello de Burela, a través da súa área de Cultura, organiza unha nova edición do Mercado e Rastro de Nadal, que converterá a Praza da Mariña nun punto de encontro para veciños, visitantes e expositores durante a fin de semana do 29 e 30 de novembro. O evento, de acceso libre e participación  gratuíta, busca apoiar o comercio de proximidade, a creación artesanal e a reutilización responsable, nun ambiente cheo de espírito navideño, tal e como informan desde o concello.

Explican fontes municipais que para facilitar a organización, «o mercado dividirase en dúas zonas diferenciadas, a Zona A, dedicada ao Mercado artesanal e creativo,  acollerá expositores que ofrezan produtos  elaborados por eles mesmos ou de carácter artístico. A Zona B, destinada ao Rastro de segunda man, reunirá postos con libros, roupa, complementos ou xogos usados en bo estado, apostando pola reutilización e o consumo consciente». 

A participación está aberta a artesáns e creadoras/es, asociacións  culturais ou veciñais,  autónomos e persoas maiores  de idade que desexen expoñer produtos de elaboración propia ou artigos de segunda man. O Concello asignará os espazos segundo a dispoñibilidade da carpa e as características dos postos, lembrando que as prazas son limitadas e se cubrirán por orde de  inscrición. Desde a área de cultura destácase que a iniciativa quere «dar  visibilidade ao talento local e apoiar a economía de proximidade», ao tempo que ofrece unha proposta atractiva para veciños e visitantes. A participación é gratuíta e cada expositor poderá solicitar ata dúas mesas, especificando as súas necesidades no formulario de inscrición. 

As persoas interesadas poden descargar as bases completas e o formulario oficial de inscrición na web municipal burela.org e enviar a súa solicitude ao correo cul tura@burela.org antes do 16 de novembro.