A parálise institucional domina Viveiro dende hai seis meses, coa alianza PP?Por Viveiro convertida nun acordo que non se vai cumprir: o pacto do engano.
Un pacto nacido á desesperada por conseguir a alcaldía, con Mariña Gueimunde pactando con Bernardo Fraga malia a súa inestabilidade ideolóxica: primeiro tiña uns principios, pero logo cambiounos sen vacilar, ao máis puro estilo Groucho Marx.
No acordo asinado —co suposto «respaldo da Xunta de Galiza»— prometíase a licitación do tramo Area?Arredoada da VAP Costa Norte en dous anos, e tamén o PXOM. Mais hai uns días, a Xunta respondeu no Parlamento ao BNG que non fará ese corredor ata que o Estado execute a A-74. Como? Non era que había compromiso co proxecto? Non viñan PP e Por Viveiro con solucións para Viveiro? Agora sabemos que o compromiso era papel mollado. A Xunta desdise e lávase as mans. A pregunta é inevitable: a que xogan Mariña Gueimunde e Bernardo Fraga?
Co PXOM pasa igual: moito anuncio e ningunha certeza de que se vaia cumprir neste mandato.
O actual des-goberno bicefálico —termo que tanto lle gustaba á alcaldesa cando estaba na oposición— non ten dúas cabezas pensantes, senón dúas presenzas sen rumbo. Nin Gueimunde nin Fraga semellan estar á altura do que venderon á veciñanza.
Fraga dixo que lle daría os clásicos «100 días de graza» á rexedora. O problema é que xa pasaron 222 días, e máis que graza, isto provoca preocupación. E, aínda sabendo que o pacto non se vai cumprir, Fraga segue calado. Ou peor: cando fala, semella un guiñol repetindo o discurso da ventrílocua Gueimunde, como no pleno sobre o verquido de purín no Landro, onde non se respondeu a ningunha das 11 preguntas do BNG.
E despois desa intervención, non puiden evitar preguntarme: por que agora actúa con tanto servilismo ao PP? Sen entrar a gobernar, e sabendo que o pacto non se vai cumprir? A min, aparte do purín, hai algo máis que me cheira mal.
Como concelleira, sinto mágoa e vergoña de presenciar este teatrillo montado desde as eleccións de 2023. A veciñanza de Viveiro non o merece. Cambiouse o goberno, pero hai cero respostas, cero avances e, sobre todo, cero liderado. Iso si: miles de euros destinados á autopromoción da alcaldesa —non á de Viveiro—, pagados con cartos públicos a unha amizade do PP. Quizais Gueimunde confunde o liderado con algo ben distinto. Que cadaquén saque as súas conclusións.
E por se fose pouco, o PP xa acumula máis de 37.000 euros en facturas tramitadas sen seguir procedementos adecuados. Ao BNG, de momento, ninguén nos pode acusar diso. Ao contrario: demostramos que outra forma de gobernar é posible, con proxectos reais e honestidade. Porén, fóisenos retirado o apoio sen explicacións, a cambio dun pacto de conveniencia que xa amosa todas as súas eivas e que, segundo a propia Xunta, non se vai cumprir.
O que nos queda é un Concello sen dirección, cun acordo que parece máis un engano electoral ca un proxecto real de goberno. E unha alcaldesa que só aparece nas fotos rezando para que o avance de Viveiro chegue por intercesión divina, xa que a Xunta deixou moi claro —unha vez máis— que Viveiro non está nas súas prioridades.
* Iria Cotelo Cociña, concelleira do BNG en Viveiro.