Veciños da Avenida da Ribeira tamén reclaman solucións ao tráfico en Foz

Veciños da Avda. da Ribeira e da zona do porto de Foz

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

26 sep 2025 . Actualizado a las 13:16 h.

Os veciños da Avenida da Ribeira e da zona do porto de Foz vendo a noticia publicada estes días sobre as queixas na rúa Uxío Novoneira queremos unirnos á súa protesta para explicar que nós tamén levamos meses denunciando problemas derivados dos cambios de tráfico.

No noso caso xa recollemos firmas, presentámolas no Concello e mesmo nos reunimos co alcalde, disto todo xa fai máis de 2 meses pero a día de hoxe seguimos igual, sen ningunha solución. O noso barrio está a só 500 metros do porto, pero para poder acceder a el ou saír do pobo dirección Ribadeo vémonos obrigados a dar un rodeo de máis de 2,5 quilómetros, pasando por 19 rúas distintas cos seus cruces e pasos de peóns pertinentes (co risco de sufrir algún accidente ou atropelo).

Esta situación non só é incómoda, senón que empeora o tráfico xeral do pobo, incrementa a contaminación ambiental, acústica e visual, supón un risco engadido para a seguridade viaria, obriga a circular máis por rúas estreitas e residenciais e que non están preparadas para esa afluencia de vehículos, fai perder tempo e combustible de maneira innecesaria. E o máis grave aínda é que dificulta a vida diaria dos veciños, especialmente persoas maiores ou con mobilidade reducida.

Ante esta situación, propuxémoslle ao Concello unhas alternativas razoables:

1. Permitir o doble sentido no tramo diante do edificio CENIMA pola Avenid. da Ribeira.

 2. Cambiar o sentido da calle Manuel Muguía e así evitar dar a volta completa ao pobo.

 3. Establecer un acceso alternativo ás vivendas desa zona con sinalización de “Agás residentes”.

 Cremos que son medidas sinxelas, asumibles e que mellorarían de inmediato a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida dos veciños.

Por iso pedimos que se publique este correo, co obxectivo de que a veciñanza de Foz coñeza tamén o noso caso e de que o Concello se comprometa a actuar, do mesmo xeito que debe facer co resto de rúas afectadas, canto antes.

 Firmado: Veciños da Avda. da Ribeira e da zona do porto de Foz.