O PSOE destaca o «investimento histórico» do goberno de Pedro Sánchez na provincia de Lugo

La Voz

A MARIÑA

28 jul 2025 . Actualizado a las 21:31 h.

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo fixo este luns unha valoración dos dous anos de Goberno de Pedro Sánchez, poñendo en valor «os investimentos históricos e as medidas lexislativas que permitiron avanzar en cohesión territorial, creación de emprego e dereitos sociais», sinalaron.

Na rolda de prensa celebrada na sede do partido en Lugo participaron Pilar García Porto, Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización; Patricia Otero, deputada por Lugo no Congreso; César Mogo, senador mariñano por Lugo; e Miguel Fernández, presidente de Honra do PSdeG provincial e alcalde de Lugo.

A Secretaria de Organización, Pilar García Porto, destacou que «estes anos de Goberno socialista marcaron un punto de inflexión para a provincia de Lugo, cun investimento en infraestruturas que supera os 746 millóns de euros». Entre os principais proxectos, destacou os 650 millóns destinados á modernización da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo, os 30,9 millóns da nova Estación Intermodal de Lugo, e os 30,4 millóns para a rehabilitación estrutural da A-6. Así mesmo, puxo en valor iniciativas estratéxicas, como o Plan Único de Banda Larga, que mobilizou 22,4 millóns de euros, e o programa Kit Dixital, que achegou 112 millóns de euros a toda Galicia.

No ámbito industrial e enerxético, Porto puxo en valor os 8,7 millóns do PERTE agroalimentario e os 3,2 millóns de euros do programa PIREP para mellora de edificios públicos municipais. Referiuse ademais ao programa DUS 5000, que impulsou proxectos de enerxía limpa con 3,3 millóns de euros en concellos como Baralla, O Vicedo ou A Pontenova. Destacou tamén iniciativas innovadoras, como Begonte Genera, con 2,4 millóns de euros destinados a unha comunidade enerxética con tecnoloxía de xeración renovable e almacenamento intelixente. «Lugo está á cabeza das maiores inversións da súa historia grazas ao Goberno de Pedro Sánchez», concluíu.

 A deputada mariñana por Lugo, Patricia Otero, destacou pola súa banda que «nos atopamos na metade da lexislatura e temos que desmentir a mensaxe do PP: non hai ningunha parálise lexislativa”. Lembrou que “son 42 leis aprobadas no Congreso, moitas delas xa en estado avanzado de tramitación, que serán aprobadas nas vindeiras semanas».