Ana Pontón pide a Rueda que «A Mariña recupere a área sanitaria propia»

La Voz

A MARIÑA

Santi M. Amil

A portavoz nacional do BNG mantivo unha reunión en Burela con xente da sanidade e con varios sectores sociais

04 jun 2025 . Actualizado a las 20:47 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu desde Burela ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que A Mariña recupere a área sanitaria propia.  «Pedímoslle que escoite tanto á cidadanía como ao persoal sanitario da Mariña, rectifique e rescate a sanidade pública da comarca porque coa saúde das persoas nin se xoga, nin se fai negocio», afirmou Pontón. 

Ana Pontón mantivo un encontro con representantes de todos os colectivos, plataformas e asociacións que defenden a sanidade pública na Mariña; expresou o seu apoio a quenes reclaman «algo tan básico e tan de xustiza como ter unha sanidade pública de calidade nunha comarca na que viven máis de 70.000 persoas».

A líder nacionalista denunciou que «o continuo deterioro do sistema sanitario non é froito da casualidade, senón dunha estratexia planificada do Executivo do PP para recortar a sanidade pública en beneficio da sanidade privada».  

«Confirmouse coa supresión da área sanitaria da Mariña en 2018», recordou a portavoz do BNG, quen subliñou que «as listas de espera non paran de medrar, falta persoal sanitario, derivacións ao hospital de Lugo obrigando aos pacientes a percorrer máis de 200 quilómetros para ir e volver ao seu domicilio ou a supresión de servizos e especialidades».