Caldeiro califica de «esperpento o que está acontecendo na fábrica»
08 abr 2025 . Actualizado a las 20:20 h.A central sindical CIG demanda á Xunta «unha actuación contundente e exemplarizante ante o peche patronal executado polo propietario de Sargadelos dende hai case unha semana». Desde a central lembran que «a empresa está cometendo unha ilegalidade manifesta »e exíxenlle á Xunta «que poña en marcha os mecanismos legais oportunos para que as empregadas e os empregados, que acoden ás portas da fábrica de Cervo a diario, poidan acceder con normalidade aos seus postos de traballo».
O secretario da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, califica de «esperpento o que está acontecendo na factoría» e considera unha «claudicación total da Consellaría de Emprego o anuncio dun suposto acordo para retomar a actividade». Entende que, «ademais, se está pondo en cuestión a actuación da Inspección de Traballo», a quen as centrais sindicais solicitaron unha reunión urxente para coñecer o expediente aberto a Sargadelos e que accións ten previsto adoptar.
Caldeiro reitera que «non se pode consentir este proceder patronal, que converte en papel mollado toda a lexislación laboral e dinamita dereitos básicos, como o dereito a traballar e o dereito á saúde. A Inspección de Traballo xa dixo que se trata dun peche patronal. A Consellaría de Emprego pode iniciar negociar co empresario, tendo en conta as singularidades do edificio e o que representa Sargadelos para o país, pero non pode amparar que se cometan ilegalidades», afirma nunha nota de prensa.