Última hora
Carlos Cuerpo, nuevo vicepresidente del Gobierno

O Concello de Foz presenta alegacións á Autovía de A Mariña «para mellorala»

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Estamos conformes co trazado e agradecemos a inversión, pero propoñemos algunhas melloras no proxecto», di o alcalde, Fran Cajoto; o tramo vai de Foz a Barreiros

12 mar 2025 . Actualizado a las 17:56 h.

O Concello de Foz presentou no día de hoxe, mércores, alegacións ao proxecto de trazado da Autovía da Mariña, a A-74, que vai do Carme a Barreiros «con intención de mellorala». En palabras do alcalde, Fran Cajoto: «Agradecemos o esforzo e a inversión que está a facer nos últimos anos o Ministerio de Transportes en Foz. Rematouse a rotonda da Gralleira-Ribela sobre a nacional N-642 e nun breve prazo comezarán as obras para a execución dunha nova rotonda en Cangas, neste caso na intersección coa estrada LU-162 a Ferreira. Queremos que a autovía da Mariña se execute canto antes e estamos conformes co trazado proposto. Neste caso, vimos de presentar alegacións que, sen alterar o deseño da autovía, mellorarían distintos aspectos», sinala.

Unha das principais alegacións refírese ao enlace de O Carme, sobre a estrada LU-152 a Ferreira. «Demandamos á Demarcación de Estradas que transforme o semienlace de O Carme proxectado nun enlace completo, para permitir que veciñas e veciños de Santo Acisclo, Santa Cilla, San Martiño e Vilaronte poidan utilizar esta entrada para desprazarse ata Burela e non só cara a Ribadeo. Hai moitos desprazamentos diarios a Alcoa, que é o gran centro de emprego da comarca, ou ao Hospital da Mariña. Sabemos que a inversión será máis alta pero é unha demanda xusta e necesaria. De non poder incluírse o cambio de deseño neste proxecto, podería engadirse no proxecto construtivo ou a través dun modificado de obra. Non só os veciños, a basílica como punto turístico ou empresas da zona sairían moi beneficiadas con esta mellora», explica Fran Cajoto.

Outras alegacións refírense á accesibilidade ao camiño da Balsa e á área recreativa do Carme desde a LU-152 en San Martiño, ao tránsito peonil no entorno do enlace de O Carme, así como á mellora da sección e afirmado dalgún dos camiños de servizo proxectados no documento. Tamén se pide para mellorar a permeablidade na Baesta, en Vilaronte, estudar a substitución de dous tramos de recheo por viadutos. «Preocúpanos principalmente a accesibilidade, tanto de peóns como vehículos, nas zonas de proxecto da autovía. Tamén estudamos a permeabilidade para o paso de animais, tanto de gando como salvaxes, e que a infraestrutura non constitúa unha barreira. Xa alegamos antes de acceder á alcaldía en xaneiro do 2019 e con bos resultados, a casa das Arieiras, en San Martiño, non se ve afectada neste documento: un proxecto bo coma este, con boas achegas, aínda se pode mellorar», indica o rexedor municipal de Foz.

O alcalde demanda da Xunta de Galicia que «mova ficha» e defina dunha vez por todas a VAC Costa Norte ao seu paso por Viveiro, «para que toda a Mariña poida estar conectada e entre dunha vez no S. XXI. A Xunta de Galicia bloqueou o proxecto de variante mentres en Viveiro houbo alcaldesa socialista. É indignante, absolutamente indignante. Agora que non teñen a quen botarlle a culpa veremos o que pasa, porque quen perde sempre son os mariñáns».