Cajoto: «Foz é un motor importante na Mariña, vimos de conceder novas licencias de vivendas e de parcelación»
A MARIÑA
«Foz ten 73 demandantes de vivenda pública; a Xunta ten que promovela e regular os pisos turísticos», di o alcalde de Foz
19 feb 2025 . Actualizado a las 19:29 h.O Concello de Foz aprobou na xunta de goberno local ordinaria deste martes licenzas para a construción de tres novas vivendas unifamiliares -en Marzán, Foz e Fazouro-, así como a rehabilitación doutra vivenda tamén en Fazouro e a ampliación dunha vivenda en Cangas.
O alcalde, Fran Cajoto, destaca: «Estamos traballando para axilizar os trámites administrativos, sempre coa garantía de que as licenzas contan cos informes favorables tanto na parte técnica como na xurídica. Foz é dinámico e continúa medrando: no 2024 acadamos os 10.276 habitantes censados, segundo o INE, 78 máis que no 2023».
Nesa mesma xunta de goberno concedéronse ademais catro licencias de parcelación e tres de innecesariedade de parcelación.
Fran Cajoto sinala que «Foz é un motor na Mariña. En calquera caso, temos xa un problema co alto prezo dos alugueiros e a falta de vivenda social. Por poñer un exemplo, en Foz a día de hoxe hai 73 inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda autonómico, por 43 de Ribadeo. Por iso pedimos que desde a Xunta se promovan vivendas sociais canto antes e se priorice aos concellos con máis demanda. Precisamos vivenda con prezo asequible, por iso é prioritario tamén regular as vivendas de uso turístico».