A Editorial Galaxia, premio Cunqueiriana de Honra este 2025; recibirá o galardón o día 28 en Mondoñedo
A MARIÑA
O Concello mindoniense e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven esta distinción na memoria do escritor
04 feb 2025 . Actualizado a las 14:05 h.O venres 28 de febreiro representantes da Editorial Galaxia recibirán a distinción á entidade como Cunqueiriana de Honra deste 2025. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12 e a laudatio da entidade distinguida correrá a cargo de César Cunqueiro. Deste xeito, a Editorial Galaxia converterase na novena proposta homenaxeada dende que se instituíu este galardón.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros ou entidades que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense. Neste 2025 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, quixo recoñecer con esta distinción o vencello histórico que une a Editorial Galaxia e os seus fundadores co escritor mindoniense, pois foi neste selo editor onde veu a luz a meirande parte da súa obra e aínda hoxe continúa a publicarse.
A comisión que elixiu a Editorial Galaxia como entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 por maioría estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Claudio Rodríguez Fer (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Xuventude), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (arqueólogo municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).
A Editorial Galaxia, que neste 2025 celebra o 75 aniversario da súa fundación, tivo un papel decisivo na recuperación literaria de Cunqueiro na posguerra, pois nela apareceron algúns dos títulos maiores do autor, como Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960) ou Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) e, xa nos derradeiros anos do escritor, Xente de aquí e acolá (1971), Os outros feirantes (1979) e a súa Obra en galego completa (1980). En tempos recentes, reeditou tamén todos estes títulos e outros na Biblioteca Álvaro Cunqueiro.