Superarte

María Loureiro

A MARIÑA

xaime ramallal

14 oct 2024 . Actualizado a las 09:48 h.

Comeza unha nova edición de Superarte, a sexta xa, unha das citas do ano das que nos sentimos máis orgullosas en Viveiro. Son días para a impulsar a inserción social e a concienciación de todos a través das artes escénicas e a creatividade.

Nesta ocasión, Superarte 2024 está adicado ao Síndrome de Down, polo que quero agradecer de novo a presenza aquí de María José Blanco e o traballo que fai Down Lugo todos os días do ano. A Asociación Síndrome de Down de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro con ámbito de actuación provincial, que axuda a persoas con Síndrome de Down e ás súas familias. Organiza e realiza de forma continua actividades que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down a través da súa plena integración social.

No Concello de Viveiro decidimos apostar por Superarte no ano 2018 cunha primeira edición adicada á comunidade con cegueira, mentres que en 2019 a comunidade xorda foi a protagonista. A pandemia impediunos celebrar Superarte en 2020 e no 2021 o eventou centrouse no Trastorno do Espectro Autista, coñecido como TEA. No 2022, o Concello de Viveiro decidiu implicar e implicarse coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC).

O ano pasado, Superarte dedicouse ao Dano Cerebral Adquirido e contamos coa colaboración e implicación da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane). Este ano, baixo o fío conductor do Síndrome de Down, Viveiro acolle durante seis días un amplo programa no que, ademais do teatro, haberá espazo para actividades nos centros educativos, obradoiros e outras accións de sensibilización.

Entre estas actividades, programouse de novo a iniciativa ‘O Comercio Inclúe', con xornadas de convivencia entre o Centro Comercial Histórico de Viveiro e Aspanane. Quero por suposto agradecer a implicación do Centro Comercial Histórico de Viveiro para a realización destas actividades. Haberá por outra parte un taller de autorretrato e un taller de percuterapia.

E como cada ano, un dos nosos obxectivos é ademais plantar a semente da inclusión na rapazada para crear así unha sociedade inclusiva no futuro. Nesta ocasión será a través da acción de sensibilización ‘Inclubiblio', que inclúe a doazón aos centros educativos de Viveiro de varios libros que explican e falan do Síndrome de Down.

Para o Concello de Viveiro, Superarte é un paso máis, sen dúbida importante, dentro de ‘Viveiro Inclúe', un proxecto que impulsamos hai anos para converter o noso municipio nun lugar más accesible para as persoas con diversidade funcional. Superarte é xa un sinal de identidade do noso goberno local, un piar desde o que construír paso a paso a este Viveiro máis inclusivo do que falo.

Penso que coa axuda de todos, o certame é xa un referente no noroeste de España na visibilidade das persoas con diversidade funcional. O obxectivo final é o da inserción plena de todas as persoas e colectivos na nosa sociedade. Aínda queda moito camiño por percorrer, pero seguiremos traballando.

Nada máis, xa remato... coa satisfacción de vernos en Superarte un ano máis, convido a todo o mundo a non perderse hoxe ‘Pies de Barro', a peza gañadora do primeiro premio no XII Encontro Artes pola Integración, tras a que teremos un pequeno ágape para todos.

Benvidos a Superarte!

* María Loureiro. Alcaldesa de Viveiro.