As vodas de prata da Asociación Saúde Mental A Mariña

María José Nóvoa

A MARIÑA

PEPA LOSADA

20 may 2024 . Actualizado a las 13:24 h.

A asociación Saúde Mental A Mariña, cos seus Centros de Rehabilitación psico-social e laboral, situados en Burela, Ribadeo e Viveiro, así como co piso protexido, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias. A apertura da Unidade Residencial en Cervo no 2011, a apertura recentemente, xusto hai un par de meses da nova Residencia Resort Saúde Mental A Mariña, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, supuxeron un adianto cuantitativo e cualitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha atención residencial integral. A súa misión é, pois, prestar unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación, así como á das súas familias, na Área Sanitaria da Mariña de Lugo, así como a nivel autonómico; xa que ten usuarios/as procedentes de toda a Comunidade Autónoma, sempre tendo en conta os valores de profesionalidade, transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión, implicación e seguridade.

As enfermidades mentais

As enfermidades mentais representan unha importante carga para os pacientes que as padecen e para as súas familias. Na súa inmensa maioría, aparecen en idades produtivas da vida, tendo un alto impacto social en termos de taxa de desemprego, absentismo laboral e perda de produtividade no traballo. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que unhas 700 millóns de persoas no mundo padecen enfermidades mentais e neurolóxicas. Polo tanto, son enfermidades que padece unha gran parte da poboación; é máis, o 25% dos españois sofre alomenos un trastorno mental ao longo da súa vida.

Prevalencia

Hai unha alta prevalencia da enfermidade mental. Algúns datos destacados, extraídos do informe «Prevalencia dos trastornos mentais en Galicia» da Consellería de Sanidade do Censo de Discapacidade 2016 da Consellería de Política Social: 93.000 casos de psicose ou esquizofrenia en Galicia, o que supón un 8,2% da poboación adulta; hai 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental en Galicia, o que supón un 18% do censo de persoas con discapacidade; o 85% da atención ás persoas con problemas de saúde mental recae sobre as familias; aumentou un 10,82% a incidencia da enfermidade mental no período 2011-2014 (o que conleva a aclarar que o 7,4% dos galegos experimenta un trastorno mental cada ano); o 43,6% das persoas con trastorno mental grave ou moderado non utilizan ningún servizo sanitario.

A alarma social dispárase cando a enfermidade mental se mistura con algún feito delituoso, sobre todo se é de carácter violento, e é entón cando se destapan as carencias e deficiencias do sistema para poder detectar a tempo os casos máis graves. Polo tanto, se hai un incidente violento cunha persoa diagnosticada de trastorno mental severo, preguntamos que se fixo mal, que fallou no acceso desa persoa a un diagnóstico, tratamento e rehabilitación adecuados. Sempre que se mencione, polo tanto, que os pacientes mentais graves poden ser violentos, debe lembrarse ao mesmo tempo, que o son menos que a poboación en xeral. O tratamento das enfermidades mentais precisa dunha abordaxe global que inclúa atención médica, farmacolóxica, psicoterapéutica e familiar; pode levar unha vida autónoma igual que calquera outra persoa que padece outro tipo de enfermidade crónica.

Agradecemento

Dende a asociación queremos amosar unha vez máis o noso agradecemento a esas persoas, entidades e colectivos que, desinteresadamente, quixeron colaborar coa causa e agradecer a todos os mariñáns que se unan a esta xuntanza para desfrutar dunha noite divertida, relaxada e en boa compaña; e tamén para traballar todos xuntos por romper co estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e mellorar a súa calidade de vida.