A biofábrica de Ence en Navia xerou en 2023 enerxía renovable suficiente ca madeira para abastecer a 200.000 fogares

La Voz

A MARIÑA

ENCE

Tamén a planta de Pontevedra; Ence utiliza a madeira como produto natural e renovable

23 ene 2024 . Actualizado a las 17:19 h.

As biofábricas de celulosa de Ence en Navia (Occidente de Asturias) e Pontevedra xeraron conxuntamente en 2023 preto de 750.000 MWh de enerxía renovable a partir de biomasa nas súas turbinas, segundo informa Ence. «Esta enerxía renovable xerada nas biofábricas da compañía equivale á necesaria para cubrir a demanda enerxética de máis de 200.000 fogares, ou de medio millón de persoas», sinalan.

Nas súas biofábricas, Ence utiliza como materia prima un produto natural e renovable como é a madeira, e transfórmao nun material biodegradable e reciclable, a celulosa. «Neste proceso produtivo, os compoñentes da madeira que non se utilizan na obtención de celulosa, como a cortiza e a lignina (compoñente natural presente na madeira que outorga rixidez ás fibras de celulosa), empréganse como fonte de enerxía renovable», explican. «Deste xeito xérase, non só suficiente enerxía térmica e eléctrica para cubrir as necesidades da planta, senón tamén para exportar enerxía eléctrica firme e xestionable á rede e, así, contribuír á descarbonización do mix eléctrico», engaden.

As instalacións de enerxía das biofábricas de Ence contan coas Certificacións de Calidade segundo as normas ISO 9001 e de Medio Ambiente ISO 14001, e están presentes no Rexistro de empresas adheridas de forma voluntaria ao Regulamento Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), tal como lembran dende a compañía.

«Ademais, ambas biofábricas obtiveron a Certificación do sistema de xestión da enerxía de acordo coa norma ISO 50001, demostrando así o enfoque á mellora continua dos aspectos derivados da súa actividade, tamén desde o punto de vista enerxético», din.

«En todos os seus procesos, Ence prioriza a sustentabilidade da biomasa que xestiona. Por este motivo, xa en 2017 Ence traballou con distintos actores do sector no desenvolvemento dun estándar de sustentabilidade voluntario para asegurar esta subministración responsable, e, máis recentemente, implantou de forma pioneira un novo esquema de certificación de sustentabilidade da biomasa, SURE System, en todas as súas instalacións, incluídas ambas biofábricas», conclúen.