Somos a peor comisión!

Comisión de Festas de Naseiro 2023

A MARIÑA

PEPA LOSADA

30 ago 2023 . Actualizado a las 15:27 h.

Todos queremos que haxa Naseiro, pero ninguén quere organizalo, ninguén quere ser da comisión! Naseiro custa moito facelo, pero ninguén sabe canto! Que o campo das atraccións quede medio baleiro é porque non queren vir a Naseiro, porque lles queda lonxe da súa ruta de festas, é culpa da comisión...

Que non haxa tómbola coma sempre porque están prohibidas en Galicia, culpa da comisión...

Que haxa prohibición do uso de vasos de cristal nas festas (a nivel Galicia ou España, non sei) e ter que usar de plástico (que non se cobraron) para poder servir as copas nalgún recipiente, culpa da comisión...

Que esta Romaría teña instalación eléctrica para cada unha das mesas que se montan para os cinco días, con electricistas de garda 24 horas que teñen a ousadía de querer cobrar por facer o seu traballo, e que sumando o custe eléctrico e todo o que supón, cobrar 30 euros para poder pagar todo isto, sexa un roubo... tamén é culpa da comisión...

Que a xente despois da festas deixe os mobles e merdas varias, tiradas pola carretera, culpa da comisión...

Que a comisión, despois de moitos anos pelexando e intentando recadar para poder facer fronte a todos os gastos, por fin, un ano consegue un patrocinio importante, coa condición aceptada por todos os bares, agás un, que era a de vender o seu vermú, a cambio de diñeiro para pagar a festa, porque a festa hai que pagala! E que nos poñan a parir e chamarnos entre outras cousas 'ditadores'... a culpa aquí é tamén da comisión! 

Por que? Por seguir sendo a comisión!

Que prohibiran a Baixada do río, desde a Xunta, tamén culpa da comisión...

A comisión está formada por poucos membros porque ninguén quere facer a festa que todos queren que haxa. E este ano fíxose o posible por facer o que nunca daba tempo, que era comprobar que todos os que tiñan mesa con luz, a pagaran, pois son cartos necesarios para facer fronte ós gastos (aínda que hai quen pensa que non os hai)... Para a nosa sorpresa, a maioría dos que non a tiñan pagada eran xente coñecida como romeiros de toda a vida, e iso doe, doe moito.

A Romería do Naseiro son 5 días nos que a xente disfruta da familia, da festa e dos amigos. E esta comisión, polo que se ve, está facendo moitos inimigos, e perdendo amigos, e isto a culpa tena toda todiña, quen? Pois a «peor comisión», por que? Por ser a comisión!

Solución: deixar de ser a comisión!

Fixémolo o mellor que puidemos todos estes anos, pero xa é hora de deixar paso ós seguintes, que seguro que os haberá, porque Naseiro non se merece quedar sen festas!

Ah! E que chovera durante a Romería, tamén culpa da comisión.

Viva Naseiro!