David Páez, novo adestrador do Viveiro CF: «Seremos un equipo que domine o balón e versátil»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O adestrador sarriano debuta no mediodía deste domingo ante o Arnoia en Cantarrana

06 nov 2021 . Actualizado a las 22:27 h.

David Páez González (Sarria, 1987) estrease ao temón do Viveiro nun partido vital contra o Atlético Arnoia (Cantarrana, 12 horas). Unha xeira dun só empate en cinco xornadas e 270 minutos sen ver portería, levaron aos celestes á antepenúltima praza de Terceira, con seis puntos, só un máis que o seu rival.

O substituto de Chuski non quixo desvelar un once do que caen Xaime e Vicente por acumulación de cartóns e que pode parecerse ao seguinte: Manu Cedrón; Agus, Nico Madero, Muíña ou Edgar, Pablo Rey; Dani Fernández, Marcos; Marino, Rolle, Asier; e Sidibe.

—Que Viveiro quere ver?

—Un equipo con gañas de sacar adiante o partido, cunha motivación extra por xogar na casa contra un rival directo. Os xogadores teñen boa predisposición.

—Que ideas lles transmitiu?

—En tres sesións non puidemos tocar moito. Sobre todo quixemos que teñan claro que son mellor equipo do que agora cren. A maioría teñen experiencia e con traballo sacarán adiante isto. Queremos ser un conxunto que domine co balón, pero versátil. Non imos ter un sistema ríxido, senón que nos adaptaremos ás circunstancias, o resultado, as condicións do campo ou as fortalezas e debilidades do rival. Quero que sexamos ordenados en ataque e defensa e teñamos ideas claras.

—Comeza case cunha final e sen Xaime e Vicente, sancionados.

—A clasificación reflicte que é un partido importante, pero é moi cedo para falar de finais, queda moito. Faltan Xaime e Vicente, e tamén Álex Meitín, pero seguro que os xogadores que entren darán a talla.

—Necesitara reforzos?

—Nós non fixemos o equipo, pero xa o coñecía ben porque a algúns adestreinos, con outros enfronteime e sempre seguín de preto a Terceira. Do Viveiro xa vin varios partidos, pero para falar de fichaxes é cedo. Imos dar oportunidades a todos os que están no equipo porque para fichar teríamos que liberar algunha das 16 fichas sénior. Se é necesario, veremos opcións.

—As súas anteriores experiencias en Terceira foron moi curtas.

—Son novo, pero levo 14 anos adestrando. Síntome como se me criara nun vestiario. É certo que as experiencias no Vilalbés e o Écija foron curtas, pero nunca deixei un equipo en descenso. O do Écija respondeu a un asunto de impagos, e no Vilalbés foi un tema persoal cando o equipo ía en media táboa. A do Viveiro será unha boa aventura.