«Sentinme moi cómodo na tele»

ANDRÉS VÁZQUEZ, M.C. LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

Jonathan Dasilva, de Lourenzá, representará á Mariña como recanteiro no Luar da TVG, un soño que xa intentou cumprir noutras dúas ocasións e que por fin logrou

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non teño dúbidas, é a miña mellor experiencia no mundo da canción ata o momento», di coa ilusión dun neno que estrea zapatos novos Jonathan Dasilva, o futuro recanteiro da Mariña no mítico programa Luar, da Televisión de Galicia. Un paso de xigante na súa carreira dentro do mundo da canción, co que leva anos soñando: «Á terceira foi a vencida, xa era a terceira vez que me presentaba». E parece que foi chegar e encher, pois no seu bautizo televisivo atopouse «moi cómodo», malia que tiña na cabeza que ía estar máis nervioso. Todo un éxito para este rapaz de Lourenzá de tan só 20 anos.

Se o comezo na pantalla foi ben, tamén o foi a súa estrea no mundo da canción, que fixo xa de neno: «En Mondoñedo, dende ben pequeno, estiven aprendendo canto no concurso Mamá quero cantar». Alí, a futura cara da Mariña no Luar descubriu novas técnicas de canto para avanzar na súa paixón, que lentamente se ía formando. Recoñece non saber exactamente por que se presentou, «simplemente fun e gustoume», pero hoxe en día o seu gusto pola canción non variou.

Logo ha ser tamén un orgullo para Lourenzá e para A Mariña, pero de momento, na súa casa, tenos gañados a todos. «Sempre me apoiaron moito, sen ir máis lonxe o outro día nunha cea que fixemos todos xuntos, cando cheguei eu déronme un aplauso e todo». Agradece moito este apoio, que tamén recibe de cotío dos seus amigos e amigas, e de toda Lourenzá.