Titiriteir@s

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

13 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana as redes inundáronse de fotos de profesionais da cultura co lema #Nonoscanceles «Eu tamén son traballador/a cultural». Este é o texto que acompañaba as nosas fotos, ó cal eu non lle quitaría unha «triste» coma: «A cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro. Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude. Milleiros de artistas en xeral, promotores, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade.... e un longo etc de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte corto-medio prazo. Fanse urxentes as medidas de compensación para un sector sen ningunha garantía nin axuda específica. Fomos os primeiros en saír da escena e non queremos ser os últimos en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado. Sen cultura non hai país».

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, A. Míguez, reuniuse coas asociacións representativas do sector para consensuar propostas que trasladaron á Xunta e CRTVG. Evaluaron un encontro co conselleiro de Cultura no que Román Rodríguez expuxo a intención de concretar axudas para o audiovisual.

«A vida está antes que o cine» (O. Welles) pero para poder facer cine hai que estar vivos. Necesitamos axuda, somos coma o xunco do Dúo Dinámico, sempre en pé... pero desta volta a sacudida foi gorda. Esperamos esas medidas!